O candidato do PP á Alcaldía de Ourense asegura que "xamais" pactará con Xácome

Manuel Cabezas, alcalde de Ourense entre 1995 e 2007, resaltou que "en ningún caso" nin el nin o grupo municipal do PP que resulte das eleccións "reeditará o pacto deste último mandato con Democracia Ourensá".
Á esquerda, Manuel Cabezas, novo líder local do PP; á dereita, o alcalde de Ourense e dirixente de DO, Gonzalo Pérez Xácome. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á esquerda, Manuel Cabezas, novo líder local do PP; á dereita, o alcalde de Ourense e dirixente de DO, Gonzalo Pérez Xácome. (Fotos: Europa Press)

O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, sentenciou esta segunda feira que "xamais" pactaría co actual rexedor e líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome; algo que se aparta da liña expresada polo xefe da Deputación de Ourense e presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, que abriu a porta para reeditar o acordo de 2019 que serviu aos populares para reter o Goberno da Deputación a cambio facer alcalde Xácome.

O ex rexedor e aspirante dos populares na capital ourensá saíu ao paso para desmarcarse da postura expresada por Baltar o pasado domingo nunha entrevista na Cadena Ser na cal non descartou a posibilidade de repetir tras as municipais do 28 de maio un pacto con Xácome similar ao de hai catro anos.

Cabezas, alcalde de Ourense entre 1995 e 2007, resaltou que "en ningún caso" nin el nin o grupo municipal do PP que resulte das eleccións "reeditará o pacto deste último mandato con Democracia Ourensá".

"Iso téñoo claro. Xamais reeditaría ese pacto", insistiu Cabezas, que trasladou que sentía que debía ser claro sobre este asunto "porque é unha das preguntas que máis me fai a xente".

Xácome responde

Por mor das declaracións de Cabezas, o alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Xácome, replicou que "cando os demais partidos din que xamais pactarán con DO, tras as eleccións do 28 de maio, están a dicir que antepoñen os seus intereses fobias e filias aos da cidade".

Deste modo, Xácome lembrou que en 2019 "sempre dixo que pactaría co demo se con iso" se conseguise "o ceo para Ourense". "Doutra parte, cando todos os partidos están en contra Democracia Ourensá evidencia que son o establishment", sinalou o alcalde.

Comentarios