O PP de Ribadumia estala contra a "imposición" do independente David Castro como candidato: "É unha usurpación"

Os tres concelleiros 'populares' no municipio acusan a súa propia formación de ser "un partido que busca desesperadamente gobernar na Deputación e recuperar o control da Mancomunidade".
David Castro, actual alcalde independente de Ribadumia.
photo_camera David Castro, actual alcalde independente de Ribadumia.

O nomeamento do actual alcalde independente de Ribadumia (comarca do Salnés), David Castro, como candidato polo Partido Popular para as próximas eleccións municipais, desatou unha tormenta política no seo do grupo municipal, cuxos tres concelleiros asinan un comunicado contra esa "decisión unilateral" do presidente provincial do partido, Luís López. "É literalmente unha usurpación do PP de Ribadumia", aseguran, e sinalan que o candidato e o seu equipo "seguen sendo Independentes de Ribadumia".

"Mesmo candidato, mesmo equipo e mesma forma de facer política, pero agora baixo o logotipo do Partido Popular", afirman os edís. O portavoz do PP na corporación e candidato á Alcaldía de Ribadumia en 2019, Martín Vázquez, canda os outros dous concelleiros 'populares', acusa a súa propia formación de ser "un partido que busca desesperadamente gobernar na Deputación e recuperar o control da Mancomunidade" e repróchalle que, "se para iso hai que regalar o partido a quen o rompeu, faise".

Neste duro comunicado tamén apuntan que "empezaron na pandemia" os contactos da dirección do PP con Independentes por Ribadumia (IR), algo que foi un "condicionante para o traballo de oposición". Afirman que, nesas negociacións, o presidente provincial "deixou á marxe a militancia de Ribadumia".

"A pesar diso, tratamos de facer a integración unha realidade a pesar de sentirnos traizoados e ninguneados polo presidente provincial", din, a respecto de que toparon "cun muro", pois, segundo eles, David Castro négase a integrar no seu equipo membros do Partido Popular, "porque para el, palabras textuais, os membros do PP de Ribadumia restan".

Finalmente, vaticinan que esta integración "resultará de novo un fracaso" e engaden os concelleiros 'populares' que "hai vida na política máis aló do PP", despedíndose como os, "de momento, concelleiros do Partido Popular de Ribadumia". Neste contexto non pasan desapercibidas na localidade as manobras para xestar Xuntos por Ribadumia, un novo partido para concorrer ás eleccións municipais de maio.

Fractura previa do Goberno local

A fichaxe do actual alcalde de Ribadumia xa provocara unha fractura dentro do grupo de Goberno local. A primeira consecuencia foi que dúas das concelleiras que formaban parte xunto ao alcalde de Independentes por Ribadumia, Pilar Martínez e Mar Moimenta, presentaron a súa dimisión como representantes da súa formación política.

Ambas as dúas tiñan senllas liberacións parciais para desempeñar as súas responsabilidades no Executivo, Mar Moimenta como concelleira de Obras e Urbanismo e Pilar Martínez como portavoz do equipo de Goberno e concelleira de Contas e Facenda. Agora forman parte do grupo mixto.

Con estas dimisións, Independentes perdeu a maioría absoluta e quedou en minoría con seis concelleiros, fronte aos sete da oposición: tres do Partido Popular, as dúas concelleiras recentemente dimitidas e os representantes de Somos Ribadumia e do Partido Socialista.

Comentarios