Denuncian que o PP da Guarda inclúe no seu programa electoral dous proxectos da Arxentina e Panamá

En opinión do BNG da Guarda, isto supón unha mostra máis da “falta de criterio e de capacidade mostrada polo PP da Guarda durante todo o mandato”.
Unha das infografías presentadas polo PP da Guarda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha das infografías presentadas polo PP da Guarda (Foto: Nós Diario).

“Consideramos un engano á sociedade guardesa  a oferta electoral dun Complexo Deportivo Multidisciplinar  entre a zona da Sangriña e a parroquia de Salcidos feita polo PP”. Así comeza un comunicado elaborado polo BNG da Guarda a respecto dunha promesa electoral feita polo Partido Popular da mesma localidade de cara ás eleccións municipais do 28-M.

De acordo coa formación nacionalista, “as infografías que acompañan a súa promesa electoral  pertencen a dous proxectos presentados un deles na cidade de Selva na Arxentina e outro ao Complejo Deportivo Los Andes 2 en Panamá”.

Para o BNG, isto supón unha mostra máis da “falta de criterio e de capacidade mostrada polo PP da Guarda durante todo o mandato”.

“Alcanzan cotas de auténtica ridiculez con promesas electorais disparatadas e fóra da realidade que o único que pretenden é enganar a sociedade”, acrecentan desde o BNG.

Para alén diso, os nacionalistas da Guarda aseguran que “continuamos traballando para pór en marcha un proxecto que dea solución ás necesidades reais da cidadanía guardesa que son moitas”.

A corporación

Na actual corporación municipal da Guarda teñen representación catro formacións políticas. A formación con responsabilidades de Goberno é o PSdeG  con cinco edís.

Na oposición e tamén con cinco representantes encóntrase, precisamente, o BNG, así como o PP (seis edís) e Converxencia Galega (actualmente cun concelleiro na corporación).

Comentarios