Críticas dos 'socios' de Sánchez polo anuncio de incrementar o gasto en Defensa até 2% do PIB

"Prioridades do Goberno máis progresista", ironizan desde o BNG sobre unha cuestión que tamén critican Unidas Podemos e a propia vicepresidenta segunda do Executivo estatal, Yolanda Díaz.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, avanzou esta segunda feira a súa intención de aumentar o orzamento do Ministerio de Defensa até alcanzar 2% do PIB para "cumprir" con esta demanda da OTAN, un anuncio que está a suscitar as críticas de diferentes forzas políticas.

É o caso do BNG, cuxo portavoz no Congreso, Néstor Rego, cuestionou esta terza feira que "ás portas dun escenario de enorme penuria social e económica para as clases populares", o Goberno opte por dedicar os recursos a elevar o gasto militar. "Prioridades do Goberno máis progresista", ironizou.

Gabriel Rufián, deputado de ERC, subliñou que nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) xa se destinan 20.000 millóns de euros a Defensa e que non lle parecen "poucos" cartos, ao tempo que cuestionou que tras "centenares de miles de mortos como consecuencia da Covid" non se tivese incrementado "apenas" a partida de Sanidade e que, con todo, pasasen poucas semanas da invasión e agora "ninguén dubide que isto se soluciona con máis armas e guerra".

O líder de Máis País, Íñigo Errejón, sinalou que o que ten que facer o presidente é "centrarse" nas prioridades dos españois. "É máis urxente investir en psicólogos na [Sanidade] pública, en cobrar o Ingreso Mínimo Vital (IMV), que a xente non pague un ril para encher o depósito de gasolina... Hai prioridades máis perentorias que a suba do gasto de Defensa", apuntou.

Na mesma liña, o seu socio electoral e portavoz de Compromís, Joan Baldoví, dixo que a súa formación é máis partidaria de aumentar o gasto dos ministerios sociais para "salvar" á industria e ás e os cidadáns que o da carteira que agora ocupa Margarita Robles.

A portavoz parlamentaria de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, entendeu que nunha situación de alarma bélica como a actual pode resultar máis fácil "coar" un anuncio deste tipo, mais advertiu que aumentar o gasto armamentístico é unha cuestión "moi perigosa" porque ten consecuencias "a futuro" e porque redundaría en "cernar" outra serie de partidas necesarias para a cidadanía nos Orzamentos.

Desde Junts, Miriam Nogueras defendeu que, antes de propor incrementar o orzamento en Defensa, o que ten que facer o Goberno é "decidir" que modelo de Exército quere porque en España, ao seu xuízo, hai "un gran problema de ineficacia estrutural da seguridade nacional". Pola súa parte, o portavoz do PDeCAT, Ferrán Bel, manifestou ao Goberno estatal que se quere subir o gasto en Defensa o primeiro que debe facer é ser "transparente" na execución orzamentaria dese Ministerio pero, sobre todo, buscar as "complicidades" dos diferentes grupos parlamentarios explicando os motivos reais desa medida.

Aliás, a portavoz da CUP, Mireia Vehí, reiterou que o seu partido non cre que investir en máis armamento solucione o conflito en Ucraína e que o que teñen que facer o Estado español e a UE é "mediar" e apostar na diplomacia "no canto de subir a tensión e a lóxica de bloques".

Críticas de Unidas Podemos

Mais os comentarios críticos chegaron tamén desde o propio compañeiro de coalición do PSOE, Unidas Podemos. O coportavoz estatal da formación morada, Pablo Fernández, subliñou que hai "prioridades máis urxentes" que subir o gasto en Defensa, unha valoración na que coincide a vicepresidenta Yolanda Díaz. Fontes do seu gabinete sinalaron ao xornal El Mundo que "non comparte" a medida anunciada por Sánchez.

Comentarios