Yolanda Díaz desmárcase de Belarra e apoia o envío de armas a Ucraína

"O presidente do Goberno conta con todo o noso apoio", dixo, pese a que Ione Belarra e Pablo Echenique criticaran a decisión.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez; a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez; a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira que o Estado español vai entregar "material militar ofensivo" á "resistencia ucraína", dando así marcha atrás á posición inicial do Executivo.

O anuncio suscitou as críticas dalgunhas formacións como ERC ou o BNG, cuxo portavoz no Congreso, Néstor Rego, advertiu que o envío de armamento "obvia a prohibición de facilitar armas a países en conflito".

Mais as reaccións negativas chegaron tamén por parte do socio de goberno, Unidas Podemos. O portavoz da formación morada, Pablo Echenique, reprochou "desde a lealdade" ao presidente o "erro" de modificar a súa postura inicial e decretar o envío de armas.

Tamén a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, apuntou que "non é unha medida eficaz" para solucionar o conflito, senón que podería agravar a "escalada bélica" e producir un "escenario perigoso".

Aliás, lamentou que o Estado español e a Unión Europea "non están a pór todos os esforzos que deberían" para unha solución dialogada.

Porén, a vicepresidenta segunda do Goberno estatal e líder do espazo confederal de UP, Yolanda Díaz, desmarcouse da liña marcada por parte da súa formación.

"O presidente do Goberno conta con todo o noso apoio", dixo, e engadiu que "todas e todos" os ministros foron informados previamente da decisión de Sánchez.

Comentarios