O Estado español, sétimo exportador de armas nunha listaxe encabezada polos EUA

As empresas de Estados Unidos e Rusia son as maiores exportadoras de armas do mundo.
Manobras militares do Exército da OTAN na República Checa (Foto: Vladimír Pryèek / CTK / DPA).
photo_camera A China modernizou o seu Exército e experimentou un crecemento exponencial na fabricación e venda de armas ao mundo (Foto: Robert Michael / dpa)

O presidente ruso, Vladimir Putin, puxo o domingo en estado de alerta as forzas de disuasión nuclear. Un anuncio que motivou a preocupación da comunidade internacional. Posteriormente, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, afirmou que se fala da "posibilidade dunha guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón por parte da OTAN e máis Ucraína", ao tempo que se intensificaba o ataque ruso sobre territorio ucraíno. 

O Kremlin xustificou a declaración de alerta das forzas de disuasión debido ás "declaracións agresivas" dos líderes das potencias da OTAN, en referencia ás masivas sancións económicas impostas contra o Goberno ruso, e persoalmente contra el e Lavrov.

Segundo diversos estudos, Rusia conta co maior arsenal nuclear do mundo, capaz de exterminar toda forma de vida sobre o Planeta en cuestión de segundos. O Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (Sipri) ─o organismo de referencia a nivel mundial na análise de conflitos─ contabiliza 6.255 cabezas nucleares rusas por 5.550 dos Estados Unidos. Por detrás, están a China (350) e Francia (290).

Porén, no que se refire ao armamento convencional o estudo Sipri coloca os EUA á cabeza do volume de negocio armamentístico, con 41 compañías estadounidenses e cuns beneficios de 285.000 millóns de dólares. De feito, as cinco principais compañías armamentísticas do mundo teñen a súa sede nos EUA.

Máis dun terzo (37%) das armas que se exportan en todo o planeta proceden dos EUA. Segundo o citado informe, entre 2016 e 2020, subministrou grandes armas a 96 países, "moito máis que calquera outro provedor". E case a metade das súas transferencias de armas (47%) tiveron como destino Oriente Medio. Só Arabia Saudita contabilizou o 24% do total destas exportacións. 

Por detrás dos EUA sitúanse Rusia, co 20% das exportacións mundiais, Francia, cun 8,2%, e Alemaña cun 5.5%. A China, co 5,2%, e o Reino Unido, co 3,3%, completan a lista de países que máis armas venden no mundo, por diante de España.

Segundo o instituto sueco, as transferencias internacionais de grandes armas apenas variaron a respecto dos períodos anteriores, aínda que se produciron mudanzas  terras entre os distintos países. Os occidentais, Estados Unidos, Alemaña e Francia, aumentaron o seu volume de negocio, mentres que a China e Rusia detiveron o ritmo de exportacións.

España

No ranking mundial de exportadores, España sitúase entre os dez primeiros, concretamente no sétimo lugar. Os tres primeiros receptores das armas saídas de fábricas españolas foron Australia (33%), Singapur (13%) e Turquía (9,7%). 

Ucraína non está entre eses países compradores. Desde o golpe de Estado de 2014, acordouse no seo da UE un embargo ás exportacións para evitar que se puidesen usar en actos de represión. Embargo que se levantou tras a revolución armada no Donbass. Non obstante, España decidiu continuar sen comerciar armamento a Ucraína até que esta semana o Goberno español aprobou o envío de 1.370 lanzagranadas

Gasto militar

En relación á evolución do gasto militar en todo o mundo, o Sipri deu conta do aumento da carga militar de todos os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en 2020, último ano do que o instituto sueco ofrece datos. Así, 12 membros da OTAN gastaron un 2% ou máis do seu Produto Interior Bruto (PIB) nas súas forzas armadas —o obxectivo de gasto segundo a directriz da Alianza—, en comparación cos nove membros que o fixeron en 2019. Francia, por exemplo, o oitavo país con máis gasto militar do mundo, pasou o limiar do 2 % por primeira vez desde 2009. 

A nivel mundial, o crecemento do gasto militar alcanzou 2,6% nun ano no que o PIB caeu ás súas cifras máis pronunciadas após o final da Segunda Guerra Mundial. O gasto militar dos EUA -quen se coloca á cabeza do ránking mundial- chegou aos 778.000 millóns de dólares estimados, que representan un incremento do 4,4 % respecto a 2019. Por detrás, en gasto militar, situouse a China, con 252.000 millóns, un 1,9% máis que en 2019.

Comentarios