28-M

Comeza a campaña: conta atrás para decidir o rumbo dos 313 concellos galegos

Empezou. A campaña electoral para as eleccións municipais do 28 de maio arrincou esta noite oficialmente e prolongarase até o día 26. As tres principais formacións na Galiza —PP, BNG e PSdeG—coincidiron en escoller Compostela como a praza para iniciar as súas respectivas campañas. Todas, salientan, saen a gañar.
Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), Valentín González Formoso (PSdeG) e Borja San Ramón (Podemos). [Foto: Nós Diario]
photo_camera Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), Valentín González Formoso (PSdeG) e Borja San Ramón (Podemos). [Foto: Nós Diario]

Apegada de carteis á medianoite segue a ser, en 2023, o símbolo que marca o inicio dunha campaña electoral, como hai máis dun século. Unha imaxe que, máis unha vez, volveu repetirse esta noite. 

A capital galega, Compostela, foi a praza elixida polas principais formacións, PP, BNG e PSdeG para os seus actos centrais. Alfonso Rueda, Ana Pontón e Valentín González Formoso arrouparon os alcaldábeis das respectivas formacións na cidade para o 28-M: Borja Verea, Goretti Sanmartín e o actual rexedor, Xosé Sánchez Bugallo.

Foto con Baltar

Alfonso Rueda chegou ao arranque da campaña na compostelá praza do Obradoiro desde O Pereiro de Aguiar, na comarca de Ourense, onde participou nun acto electoral co presidente da Deputación, Manuel Baltar, que horas antes comparecera telematicamente no xuízo rápido ao que estaba citado polo delito contra a seguridade viaria tras ser 'cazado' ao volante dun coche oficial a 215 quilómetros por hora. A contorna do actual presidente non oculta o seu desgusto porque este novo 'Caso Baltar' marque o que é a primeira campaña do Partido Popular con Rueda aos mandos. Previamente, Rueda participara nun xantar de inicio de campaña no Gran Hotel de Ferrol co candidato nesta cidade, José Manuel Rei. 

Rueda defendeu que o Partido Popular "sabe o que necesita" a sociedade galega, de aí que vexa nesta formación a "oportunidade de aproveitar as posibilidades de futuro", explicou.

"Máis BNG nos Concellos"

Antes do disparo de saída da campaña na praza do Toural, Ana Pontón participou pola mañá na capital da Galiza nun encontro con candidatas e candidatos do BNG.

No acto estiveron presentes a candidata á Alcaldía de Santiago e concelleira, Goretti Sanmartín, e o candidato á Alcaldía de Lugo e tenente de alcalde desta cidade, Rubén Arroxo, que foi dos primeiros en presentar, na tarde de onte, o cartaz de campaña. Tamén se desprazaron a Compostela a actual alcaldesa e candidata á Alcaldía de Moaña, Leticia Santos, e o rexedor e candidato á Alcaldía de Muras, Manuel Requeixo, así como os candidatos e candidatas que lideran as listas do BNG en Ponteceso, Fátima Rodríguez; Rianxo, Xusto Ordóñez; Friol, Ada Branco, e Poio, Marga Caldas.

"Imos ser a forza política que máis suba o 28-M e teño ese convencemento por dúas razóns: a primeira porque nos presentamos ante a cidadanía co aval do noso modelo municipal de éxito. A segunda, porque hai unha corrente de simpatía e de ilusión cara ao BNG que comparten cada vez máis galegas e galegos", argumentou a portavoz nacional da formación nacionalista. "A Galiza precisa máis BNG nos concellos para avanzar e para construír un país con futuro, con máis concelleiras e concelleiros, con máis alcaldesas e alcaldes", aseverou.

O BNG afronta o 28-M como unha cita non só para asumir a responsabilidade de trazar o rumbo nos concellos galegos, senón como un paso cara ao "cambio" á fronte da Xunta nas eleccións de 2024. A alcaldábel pola capital galega, Goretti Sanmartín, nesta liña, situou o nacionalismo como a opción que "transforma os Concellos e construirá unha nova Galiza".

Manter "o poder urbano"

O PSdeG tamén escolleu a capital galega para o acto central de arranque da súa campaña. Até alí desprazouse o actual ministro de Sanidade e ex alcalde de Ames —comarca de Compostela— José Miñóns, e o secretario xeral dos socialistas galegos, González Formoso, que é tamén alcalde e candidato a revalidar no bastón de mando das Pontes. Presenza importante para apoiar o actual rexedor compostelán, Sánchez Bugallo, conscientes no PSdeG de que a Alcaldía da capital está en disputa e pode depender dunha presa de votos, coas repercusións e consecuencias que iso pode ter para estabelecer o Goberno da  Deputación da Coruña.

Formoso reivindicou que o  PSdeG encara esta campaña co compromiso de "defender as ideas", mais sempre tratando de facer "política útil", que considera que "tanta falta fai hoxe en día nos concellos da Galiza". Este modo de facer política entende que é o que levan realizando nos últimos anos nas seis grandes cidades galegas nas que gobernan ou cogobernan, así como o total dos 110 rexedores socialistas que son "referente da xestión municipal" en todo o Estado, dixo.

Antes da simbólica pegada de carteis na capital galega, a xornada do PSdeG estivo protagonizada polo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que durante a mañá visitou Baiona, onde estivo acompañado da subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Darriba, e do alcalde e candidato do PSdeG, Carlos Gómez Prado. Tamén se desprazou a Vilagarcía, na comarca do Salnés, onde ofreceu declaracións aos medios de comunicación co alcalde, Alberto Varela.

"Avanzar en dereitos sociais"

Pola súa parte, Podemos, con presenza nunha trintena de municipios, escolleu Ferrol para iniciar a campaña. Alí, o seu coordinador na Galiza, Borja San Ramón, arroupou Aitor Cordero, alcaldábel da formación morada na cidade. 

O responsábel de Podemos na Galiza situou as súas candidaturas como "chave" para "garantir e avanzar" en dereitos sociais.
Defendeu, ademais, a papeleta de Podemos como unha vía para  as políticas "de progreso" en campos como a vivenda, a sanidade, o ensino ou os dereitos laborais.

Un dos que tamén presentou o cartel electoral antes da colada nocturna foi o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, que ao igual que Compostela Aberta ou Ferrol en Común buscan voltar ao Goberno das cidades. 

Quen elixe e a quen?

O 28-M 2.222.962 persoas poderán votar na Galiza. Elixiranse 3.698 edís, 374 menos que os que se escolleron nos primeiros comicios municipais após o franquismo, e que decorreron en 1979: 4.072. 

O PP presenta candidaturas en todos os municipios galegos, 313. O PSdeG faino en 305 e o BNG alcanza o seu máximo histórico, con 265 listas, 20 máis que en 2019. 

Deputacións

A campaña non só determinará o futuro dos municipios, tamén será determinante para a configuración das deputacións. O sábado 17 de xuño, unha vez constituídos os concellos que saian das urnas, a Xunta Electoral de zona procederá a elaborar unha lista de todas as formacións que obtiveron algún concelleiro en cada un dos 45 partidos xudiciais que existen na Galiza e que son as demarcacións en base ás que se configura a composición política das entidades provinciais .

Comentarios