Estas son todas as candidaturas que concorrerán nas sete cidades galegas o 28-M

Catro anos despois das eleccións municipais que supuxeron un envorco electoral en tres das principais cidades galegas e dun mandato marcado pola pandemia e as eleccións á Xunta que deixaron fóra do Parlamento da Galiza Podemos e as 'mareas', a convocatoria electoral do próximo 28 de maio contará con menos candidaturas con respecto a 2019.
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).

Catro anos despois das eleccións municipais que supuxeron un envorco electoral en tres das principais cidades galegas e dun mandato marcado pola pandemia e as eleccións á Xunta que deixaron fóra do Parlamento da Galiza Podemos e as 'mareas', a convocatoria electoral do próximo 28 de maio contará con menos candidaturas con respecto a 2019.

Así, a concentración de mareas ou a súa desaparición, salvo excepcións, xunto coa case extinción doutras formacións fai que as listas nas sete urbes galegas sumen 62, fronte ás 77 que se presentaron en 2019 (aínda que unha foi anulada e quedaron en 76).

Dos datos publicados nos boletíns oficiais, despréndese que a cidade onde máis listas haberá, unha máis que en 2019, é a da Coruña, cun total de 12. Non en balde, na cidade herculina as mareas lonxe de concentrarse como ocorreu en Ourense, propiciou unha escisión que sitúa a Marea Atlántica (outrora aglutinadora de toda o espazo de confluencias) enfronte da lista dun 'ex' deste espazo, a alianza de Podemos e Esquerda Unida que lidera José Manuel Sande.

Así as cousas, na Coruña, preséntanse 12 listas: PSdeG, PPdeG, BNG, Marea Atlántica, Podemos-EU, Alternativa dos Veciños, Cidadáns, Vox, Unidade Local, Escanos en Blanco, Pacma e Falanxe Española. Aínda que no total é unha lista máis, en rigor desaparecen do panorama municipal as candidaturas de Democracia Coruñesa e Gañemos A Coruña.

Ourense e Vigo

Ourense é un dos casos singulares que confirman a redución de listas. Tras alcanzar as 15 en 2019 pola subdivisión das mareas e confluencias (tras as escisións a nivel galego), o próximo 28 de maio haberá dez listas. Ademais da concentración do espazo de mareas, tamén se perden outras listas, entre elas, a de Espazo Común, o partido que lidera Pachi Vázquez (ex secretario xeral do PSdeG) e que presenta unha vintena de candidaturas por toda a xeografía galega encabezadas en boa parte por ex socialistas.

Así as cousas, na cidade das Burgas preséntase dez candidaturas: PPdeG, PSdeG, Democracia Ourensá (DO), BNG, Agora Ourense-Podemos-Esquerda Unida, Vox, Ciudadanos (Cs), Vivir Ourense, Coalición de Centro Democrático e Contigo Somos Democracia (Contigo).

Isto supón que, fronte a 2019, decaen: Ourense Mellor, Ourense en Común, Espazo Común, Compromiso por Galicia, Adiante, Por un mundo Máis Xusto (PumJ) e Partido Liberal Español. Cabe mencionar que Ourense Mellor intégrase na de Podemos e Esquerda Unida, que se presentaron como Unidas Podemos.

Outro exemplo é Vigo, en que xa se produciu unha concentración de listas. Das 17 listas de 2015, pasou a 11 en 2019 e agora queda en sete, catro menos a cita anterior. Para a cita do 28-M preséntanse: PSdeG, PPdeG, Podemos-Marea de Vigo, BNG, Vox, Ciudadanos (Cs) e Partido Comunista dos Traballadores de España / Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG).

Con respecto á cita de 2019, desaparecen do panorama municipal da cidade olívica as listas de Cidadáns de Galicia, Pacma, Compromiso por Galicia e Escanos en Blanco.

Compostela

En Santiago de Compostela dáse outra particularidade. Nesta localidade a candidatura das confluencias non sufriu ningunha escisión nin incorporación, até o punto que Compostela Aberta é o único caso de confluencia con esta solidez (xunto coa viguesa, aínda que de maneira diferente). Con todo, neste caso foi a división no espazo da dereita o que fai crecer o número de listas de sete a oito para o 28-M.

Concretamente, segundo os datos e a falta de que se confirmen a próxima semana, preséntanse: PSdeG, PPdeG, BNG, Compostela Aberta, Por e para Santiago, Vox (liderado por un ex popular), Compromiso por Galicia e Partido Galego. Con respecto a 2019, a novidade é Partido Galego e Por e Para Santiago, mentres que desaparece Ciudadanos da capital galega.

Ferrol

En canto a Ferrol, prodúcese unha diminución, ao pasar de 11 listas a oito: PSdeG, PPdeG, BNG, Ferrol en Común, Podemos-Alianza Verde, Vox, Coalición de Centro Democrático e Ligando.

Desta maneira, desaparecen do panorama municipal Xuntos Actúa (era unha escisión de Podemos e agora preséntase Podemos), Sentimento Ferrolán, Marea de Ferrol e Ciudadanos. Neste caso, sae do panorama unha marea local, a que estaba apoiada pola extinta En Marea.

Lugo

Lugo segue un ronsel similar á de Ourense, xa que en 2019, a cidade da Muralla tiña para escoller entre 12 listas, fronte ás nove da convocatoria de 2015. Agora, tras a concentración (e extinción) das 'mareas', que na convocatoria de 2019 quedaron fóra da corporación local tras a súa división en varias patas, redúcense até oito listas.

Os lucenses poderán escoller o próximo 28-M entre PSdeG, PPdeG, BNG, Podemos-EU, Ciudadanos, Vox, Unión de Cidadáns Independentes (Ucin) e Contamos Galicia Sempre-Partido Galego (unha coalición que une ao partido que fundou o escindido socialista Manuel Martínez con Partido Galego).

Con estes datos provisionais do Boletín Oficial de Lugo, deixan de concorrer Lugo Novo e Alternativa Cidadá de Esquerdas-EU (agora en pacto con Podemos), Foro Lugo, Converxencia 21 e Compromiso por Galicia. Desta maneira, a única novidade da convocatoria do 28-M é a lista Ucin.

Pontevedra

Finalmente, en Pontevedra tamén se produce unha redución, neste caso, nunha. De dez listas redúcense a nove as que concorrerán o 28-M: BNG, PSdeG, PPdeG, Podemos, Pontevedra Alternativa, Vox, Ciudadanos, Espazo Común e Pacma.

Aínda que só varía nun, xorden novidades. Así, desparece Marea de Pontevedra, Cidadáns de Galicia, Compromiso por Galicia e Terra Galega (TeGa), mentres que xorden Espazo Común (o partido de Pachi Vázquez, tras fichar a unha ex concelleira de Ciudadanos), Pontevedra Alternativa (unha marca creada hai máis de 11 anos por Ramón Pedras 'Petete', que lle cedeu os dereitos aos novos responsábeis) e Pacma.

Comentarios