Arredor de 1.000 candidaturas concorren ás eleccións locais

A única papeleta presente nos 313 concellos galegos nos comicios de 28 de maio será a do Partido Popular. Socialistas e nacionalistas colócanse após dos populares en número de candidaturas, deixando sen cubrir municipios de moi pouca poboación. Vox concorrerá en 38 concellos.
taboa-web
photo_camera Número de candidaturas por circunscrición electoral para as eleccións locais de maio (Gráfica: Nós Diario).

O Partido Popular botou man da súa fortaleza organizativa para formalizar listas na totalidade dos concellos galegos. Neste sentido, a formación cubrirá 93 municipios da circunscrición da Coruña, 67 de Lugo, 92 de Ourense e 61 de Pontevedra. A este respecto, agarda ser o partido máis votado no conxunto da Galiza e recoñece que a súa posición electoral é máis feble nos grandes núcleos urbanos e nos espazos vilegos.

Os socialistas rexistrarán máis candidaturas nos comicios deste ano que en 2019. Así, concorrerán na totalidade dos concellos da circunscrición de Lugo e, ao feche desta edición, aspiraban a presentar candidaturas nos 92 municipios de Ourense, se ben unha parte delas non estaban entregadas na xunta electoral. Asemade, non contarán con lista dos socialistas catro localidades da circunscrición da Coruña e outras tantas de Pontevedra.

98% da poboación galega poderá votar as candidaturas do BNG. Nesta ocasión, os nacionalistas presentan 20 candidaturas máis que en 2019, rexistrando 89 listas na circunscrición da Coruña, 53 en Lugo, 63 en Ourense e 60 en Pontevedra. Precisamente, neste distrito electoral, deixan sen cubrir o concello de Rodeiro e na área da Coruña, A Capela, Cerdido, Mañón e Sobrado.

Vox aposta por formalizar arredor de 40 listas, mais ao remate desta edición só tiña rexistradas 38. A formación de extrema dereita conta con 13 candidaturas na circunscrición da Coruña, tres na circunscrición de Lugo, con probabilidade de fechar outras dúas, sete na circunscrición de Ourense e 10 na circunscrición da Pontevedra. Ao tempo, Ciudadanos concorrerá na Coruña, Cambre, Cee, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Vigo.

Podemos

A papeleta de Podemos estará presente por primeira vez en 17 concellos galegos. Trátase dos municipios de Ames, Arteixo, Baiona, Cangas, Cambre, Carballo, Lobios, Mos, O Carballiño, O Grove, Padrón, Parada do Sil, Sada, Sanxenxo, Salvaterra de Miño, Tomiño e Viveiro. Asemade, a formación morada acode en coalición con Espazo Verde en Ferrol, Nigrán, Pontevedra, Teixeira, Teo e Vilagarcía de Arousa, partillando alianza con Esquerda Unida  noutras seis localidades.

Esquerda Unida acudirá en solitario nos concellos de Boiro, Cangas, Fene, Mugardos, Nigrán, O Grove e O Porriño. A maiores, presentarase en coalición con Podemos na Coruña, Laxe, Lugo, Ourense, Ponteareas e Vigo, facendo parte, tamén, a súa militancia das candidaturas de Compostela Aberta e Marea Atlántica.

Interior Galego Vivo concorre nos concellos de Chantada, O Courel, Monforte, Portomarín e Sober, na área de Lugo e Chandrexa de Queixa, Laza e Vilardevós en Ourense. Na mesma dirección, formalízanse candidaturas de "unidade popular" noutras localidades como A Pobra do Caramiñal, Gondomar ou Sada. Pola súa parte, Espazo Común rexistrou 16 listas.

Comentarios