Parlamento

Arrinca a XII lexislatura coa constitución da Mesa: Santalices repite como presidente

Elena Candia (PP) será vicepresidenta primeira da Mesa da Cámara e Montse Prado (BNG), vicepresidenta segunda. Ethel Vázquez (PP) será a secretaria e Patricia Igrexas (PSdeG) a vicesecretaria.
Mato, Santamaría e Suárez, integrantes da Mesa de Idade, contabilizan os votos (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Mato, Santamaría e Suárez, integrantes da Mesa de Idade, contabilizan os votos (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A Mesa da Cámara galega ficou constituída esta segunda feira. Para a elección do órgano reitor do Parlamento da Galiza fixéronse tres votacións en urnas separadas. Na primeira quedou elixido Miguel Santalices (PP) como presidente da institución. Na segunda urna resultou elixida Elena Candia (PP) como vicepresidenta primeira da Mesa da Cámara e Montse Prado (BNG) como vicepresidenta segunda. Finalmente, na terceira votación, resultaron electas Ethel Vázquez (PP) como secretaria do órgano reitor, e Patricia Igrexas (PSdeG) como vicesecretaria.

As candidaturas do PP recibiron o apoio do propio grupo popular, mentres que o BNG e o PSdeG votaron conxuntamente tanto a Prado como a Igrexas. Pola súa parte, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, optou por votar pola súa propia persoa nas diferentes votacións da Sesión de Constitución do Parlamento da Galiza.

Así aconteceu nun proceso dirixido pola Mesa de Idade, que estivo presidida polo deputado do Partido Popular José Manuel Mato Díaz. Este político, que foi alcalde de Paradela (comarca de Sarria) desde 1979 até a súa dimisión a principios deste ano para concorrer nas listas do PP ás eleccións galegas, cumprirá o próximo mes de maio 70 anos de idade.

Ademais, actuarán como secretarios deste órgano, ao ser os membros da Cámara máis novos, o parlamentario electo do BNG Iago Suárez, nado en Chantada (comarca homónima) en 1997 e coñecido por ser integrante da banda de rap TIAM GZ, así como o deputado popular Raúl Santamaría, de 25 anos e o máis mozo da Cámara, que saltou á actualidade polo seu papel como un dos 'Mozos de Arousa' nun programa de televisión.

“Ante o pobo da Galiza, representado aquí no seu Parlamento”, o presidente Santalices prometeu o cumprimento das obrigas do seu cargo, cousa que despois fixeron o resto de integrantes da Mesa da Cámara. Prado, a vicepresidenta do órgano, engadiu que o faría “en defensa dos dereitos e intereses nacionais e sociais do pobo galego”.

“Por imperativo legal [a promesa implica o acatamento da Constitución española]”, fixeron a súa promesa os deputados e as deputadas do BNG sobre a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao Castelao Sempre en Galiza e un caravel,, que tamén aludiron aos “dereitos nacionais e sociais do pobo galego”. Pola súa parte, o resto de representantes empregaron as fórmulas “Si, xuro” ou “Si, prometo”.

Discurso da Presidencia

“Na última toma de posesión dixen que ninguén lle quería máis ao Parlamento que eu, hoxe reafírmome nisto, considero esta a miña segunda casa”, comezou Santalices no seu discurso de constitución da Cámara. “Esta é a miña última toma de posesión”, anunciou, antes de apelar a un bo trato entre os deputados e as deputadas.

“Quero ter presente aos traballadores e ás traballadoras do Parlamento, coñezo a todas estas persoas, son excelentes”, dixo. “Tamén quero ter presente aos traballadores e ás traballadoras da sanidade, pois sabemos o que pasou na última lexislatura coa pandemia”, continuou Santalices, que tamén tivo un recordo para o persoal dos servizos sociais e da saúde mental.

Unha lembranza tivo tamén para as portavocías da anterior lexislatura (Pedro Puy, Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón, Gonzalo Caballero e Luís Álvarez), así como para o resto de deputados e deputadas. A continuación, saudou á súa familia e ao seu gabinete, para despois acabar o seu discurso facendo un chamamento “á paz mundial” antes de declarar constituída a XII lexislatura do Parlamento da Galiza, tras o que se escoitou o himno galego e se levantou a sesión.

Comentarios