Parlamento

Santalices asume o seu "último" mandato cunha chamada a colaborar e un desexo: "A paz mundial"

"Considero xa o Parlamento a miña segunda casa", proclamou o que será o presidente da Cámara por terceiro mandato consecutivo.
Intervención do presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, esta segunda feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Intervención do presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, esta segunda feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O XII Parlamento da Galiza quedou constituído esta segunda feira coa continuidade do ourensán Miguel Santalices como xefe do Lexislativo. Emocionado na que, recoñeceu, será a súa "última toma de posesión" como presidente da Cámara galega, fixo un chamamento á "colaboración entre todos" e "a estar á altura da confianza" obtida nas urnas polas e polos representantes de todos os partidos.

Licenciado en Medicina, con 69 anos, Santalices é o deputado con máis dilatada experiencia no Pazo do Hórreo, onde entrou por primeira vez no ano 1997 e onde permaneceu desde entón. Encara a súa oitava lexislatura no hemiciclo e está á fronte do Lexislativo desde a marcha da súa antecesora, Pilar Rojo, no ano 2016. Nunha intervención chea de agradecementos, o dirixente ourensán, situado durante anos na órbita do 'baltarismo', confesou que o seu sentimento de "agarimo" cara á institución non variou entre a súa primeira toma de posesión e a que, admitiu publicamente, será "a última", avanzando que non repetirá en 2028.

"Considero xa o Parlamento a miña segunda casa", proclamou, antes de concluír que, se existise "un trasgo" nesta xornada na que se sente "protagonista" —aínda que o foco mediático estaba sobre todo sobre a secretaria da Mesa da Cámara, Ethel Vázquez, quen sairá do Goberno de Alfonso Rueda—, limitaríase a pedirlle un único desexo: "A paz mundial". As guerras, incidiu, "só traen sufrimento".

Lembranza do seu pai e agradecementos

Tras saudar os 75 deputados e deputadas que tomaron posesión dos seus escanos esta segunda feira e aos familiares que as acompañaron na tribuna da Cámara, entre os que se atopaba a súa muller, Teresa Cendón, Santalices reafirmou o seu "agarimo" pola institución e pediu desculpas por tomarse "a licenza" de contar unha anécdota persoal.

Así, rememorou o "desgusto" que levou o seu pai cando lle contou que ía meterse en política. Afeoulle que arruinaría "unha interesante carreira en xestión sanitaria" e advertiulle que os "moitos defectos" que el lle "perdoaba" como pai, ían "airearse". "Non se equivocou, e isto é algo que poderiamos asumir todos os que estamos aquí e sobre o que deberiamos reflexionar", advertiu.

A continuación, recitou un extenso capítulo de agradecementos no que incluíu o seu partido e os dirixentes que confiaron nel, ás e os traballadores do grupo popular e tamén aos seus antecesores á fronte da Cámara, dos que, afirmou, "aprendeu moito". Ademais, referiuse aos traballadores do Pazo do Hórreo, que elevou á categoría de "exemplares" e subliñou que, como empregados do sector público teñen "unha misión que cumpren" e que facilita aos dirixentes políticos poder realizar "ben" a súa tarefa.

Tampouco se esqueceu dos traballadores sanitarios, de quen salientou o papel que xogaron nos tempos duros da pandemia, nin de quen desempeña as súas tarefas no ámbito social. Todo iso cun "recordo especial" para quen traballa no sector vinculado coa saúde mental, unha das "debilidades" recoñecidas do presidente.

Tampouco lle faltaron palabras de agradecemento para as súas compañeiras da Mesa, tanto as da XI Lexislatura —nin Corina Porro (PP) nin Marina Ortega (PSdeG) seguen na Cámara— como para as que o acompañarán nesta duodécima: Elena Candia e Ethel Vázquez, a proposta do PPdeG; a nacionalista Montse Prado, e a socialista Patricia Igrexas.

Das súas compañeiras no anterior mandato, afirmou que discutiron "moito" porque "hai que discutir". "Pero valoro a súa lealdade, o seu traballo e que actuásemos como un vestiario único", esgrimiu.

Comentarios