O PP acusa o BNG "e os seus satélites" de "boicotear" a planta de Altri e "rebentar" reunións coa veciñanza con "violencia"

A secretaria xeral do PP da Galiza, Paula Prado, atacou o nacionalismo por se opor ao proxecto de Altri mais recoñece que ela propia "non coñezo a fondo o proxecto"
Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza (Foto: Arxina)

A secretaria xeral do PP da Galiza, Paula Prado, acusou esta sexta feira o BNG "e os seus satélites" de "boicotear" a planta de Altri en Palas de Rei (comarca da Ulloa) e de "rebentar" os encontros que a empresa quería manter coa veciñanza da zona a través de "faltas de respecto" e "violencia".

Nunha rolda de prensa na sede do PP en Compostela, Prado incidiu en que "a radicalidade" do BNG reflíctese "neste tipo de cousas". "Non pode ser que vaian rebentar reunións con faltas de respecto e violencia", aseverou en relación ao paso atrás dado pola multinacional portuguesa na súa intención de manter encontros con veciños da comarca da Ulla afectados o proxecto da fábrica.

A número dous dos populares galegos cargou contra os nacionalistas polo seu "cambio de opinión" sobre a implantación desta factoría dous anos despois, dixo, de votar a favor dunha iniciativa no Parlamento presentada polo PP e que contou tamén co apoio do grupo socialista. O BNG xa sinalou esta semana que o proxecto de Altri que se votara daquela “non ten nada que ver co actual”.

Prado pediu o PSdeG e, en concreto, ao seu aspirante á Secretaría Xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que aclare cal é a súa postura sobre este proxecto empresarial sobre o que xa manifestou a súa oposición o BNG, ao que o PP afea que trate de "boicotear o futuro da Galiza".

"O PSOE e o BNG deberán explicar por que pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear o seu instalación. No PP dixemos, dicimos e seguiremos dicindo si a esta e a todas as iniciativas que fagan que Galicia prospere", aseverou.

“Non coñezo a fondo o proxecto”

A preguntas da prensa sobre as denuncias dos colectivos que se opoñen á factoría e que denuncian que a fábrica de fibras téxtiles esconde a actividade dunha pasteira para producir celulosa a partir de eucalipto, Prado admitiu que non coñece "en profundidade o proxecto".

"Como calquera proxecto estratéxico innovador novo é normal que xere inquietudes entre os veciños. Sobre todo se hai grupos políticos interesados en intoxicar con todos os seus satétites, que todos coñecemos", espetou Prado, que defendeu que "non hai ningunha dúbida de que se van a cumprir todos e cada un dos parámetros ambientais", polos que velará a Xunta de forma "escrupulosa".

Comentarios