O Congreso vota esta quinta feira a nova lei de vivenda. Cales son as novidades?

Entre outras medidas, a norma mantén o límite de 2% para este ano na subida do alugueiro e elévao até 3% en 2024 para, antes do 31 de decembro do próximo ano, crear un novo índice de referencia aplicábel ao territorio á marxe do IPC.
A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)
photo_camera A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)

O Pleno do Congreso votará esta quinta feira a Lei de Vivenda, que imporá novos límites á subida do prezo do aluguer no Estado, permitirá rebaixar a figura de gran propietario de vivenda de dez a cinco inmóbeis en determinados casos e impedirá a estes propietarios desafiuzar inquilinos vulnerábeis sen un acto de conciliación ou arbitraxe previo.

Entre outras medidas, a norma mantén o límite de 2% para este ano na subida do alugueiro e elévao até 3% en 2024 para, antes do 31 de decembro do próximo ano, crear un novo índice de referencia aplicábel ao territorio á marxe do IPC.

Cando entrará en vigor?

A votación desta quinta feira supón o último trámite da norma na Cámara Baixa antes de pasar ao Senado co obxectivo de que entre en vigor antes das eleccións autonómicas e municipais do 28 de maio.

Tras levar o proxecto de lei máis dun ano bloqueado no Congreso, o Goberno decidiu acelerar nas últimas semanas antes das eleccións, algo que provocou o enfado dalgunhas formacións como Vox ou Ciudadanos, que acusaron PSOE e Unidas Podemos de aplicar o "rodete parlamentario".

Así, a semana pasada o texto aprobouse en Relatorio a porta fechada primeiro e na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana despois, esta última reunión xa en sesión pública.

A intención do Goberno español é que na Cámara Alta se aceleren os traballos con idea de que se aprobe no primeiro Pleno de maio para que a nova lei estea en vigor antes mesmo da campaña das eleccións municipais e autonómicas do 28M.

BNG, ERC e Bildu

A lei pasou o filtro da comisión co apoio de PSOE, Unidas Podemos, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Bildu e o voto en contra de PP, Vox, Ciudadanos, PDeCAT e Coalición Canaria.

Pola súa parte, o BNG anunciou a súa abstención que, en opinión do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego está "xustificada". En palabras de Rego, "esta lei supón unha invasión competencial e a reforma dos grandes propietarios é facilmente burlábel".

Rego insiste en que "non se garante unha solución habitacional e tampouco entra en compromisos prácticos", de aí a súa abstencion.

Para contar co apoio das formacións soberanistas, o Goberno fechou varios acordos en materia de tope á suba de alugueres, desafiuzamentos a persoas nunha situación económica vulnerábel e a ampliación de zonas tensionadas.

Pisos turísticos

Con todo, a secretaria xeral do Grupo Socialista no Congreso, Isaura Leal, fechou a porta a Unidas Podemos de incluír unha emenda transaccional na lei co fin de regular tamén os pisos turísticos, deixando claro que incluír este asunto suporía unha invasión de competencias que corresponden a concellos e comunidades autónomas.

"Chegamos aos máximos de regulación", dixo Leal en rolda de prensa no Congreso, explicando que a norma que se votará no Pleno da Cámara Baixa se acolle a un marco estatal baixo o que ofrece ás comunidades autónomas as ferramentas suficientes para regular as políticas de vivenda.

Comentarios