O Goberno español evacúa cidadáns residentes no Sudán ante o agravamento do conflito

"Neste contexto bélico, esperemos que sexa breve, non hai relacións diplomáticas posíbeis", sinala o ministro Albares.
O avión xa se dirixe á base aérea madrileña de Torrejón. (Foto: Ministerio de Defensa)
photo_camera O avión xa se dirixe á base aérea madrileña de Torrejón. (Foto: Ministerio de Defensa)

Os dous avións da Forza Aérea e do Espazo mobilizados até o Sudán para evacuar cidadáns do Estado español, do propio Sudán e doutros países europeos e latinoamericanos ante o conflito civil que afecta o país africano chegarán esta segunda feira, contra as 11 horas, á base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid), segundo confirmaron os ministerios de Asuntos Exteriores e de Defensa. Son máis dunha trintena de persoas con nacionalidade española e perto de 70 cidadáns doutras nacionalidades, uns 104 civís, que despegaron o domingo da capital sudanesa, Jartum, pouco antes das 23 horas do domingo tras un operativo coordinado por ambos os ministerios, malia que aínda quedan por retirarse do Sudán 64 militares españois.

O continxente despegou con perto dun centenar de pasaxeiros de once nacionalidades, entre persoas portuguesas, italianas, polacas, irlandesas, mexicanas, venezolanas, colombianas e arxentinas, alén de españolas e sudanesas. Así o anunciou a madrugada desta segunda feira tanto o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, quen reiterou en declaracións a RNE o chamamento a un alto o fogo definitivo e ao diálogo entre os sudaneses no seu proceso de transición para que o país non se resigne a ser un país que non pode saír da "espiral" dos conflitos civís.

Albares recoñeceu que foi unha "operación sumamente delicada" posto que se desenvolveu en medio dun "conflito bélico", afortunadamente sen incidentes, e tamén foi moi complicado proceder a reagrupar os cidadáns que ían saír do país. O ministro tiña inicialmente como obxectivo a evacuación dunhas 60 persoas con nacionalidade española, mais ao final unha trintena saíron do Sudán en avións fretados polo Goberno estatal, despois de que algúns lograsen abandonar o país polos seus propios medios antes da operación e outros optasen pola permanencia.

A respecto deste último caso, o ministro non quixo "dar cifras por motivos de seguridade", se ben recoñeceu que "non é unha cifra moi elevada", algo máis dunha ducia, e non descartou que poidan optar a sumarse o futuro a unha das operacións de evacuación que están a realizar outros países, co apoio de Moncloa. Aliás, confirmou que todo o persoal da Embaixada de España en Jartum, incluído o propio embaixador, Isidro González, e mais os seus familiares abandonaron xa o país.

"Neste contexto bélico, esperemos que sexa breve, non hai relacións diplomáticas posíbeis", argumentou. Se quedasen no Sudán, subliñou, "trataríase de pór en perigo a vida dos nosos funcionarios", xa que non hai diálogo coas autoridades e estas non poderían saír da Embaixada. Porén, subliñou que os teléfonos consulares de emerxencias seguen operativos e volveu convidar a facelo a aquelas persoas que se puidesen atopar no país e que non se puxesen en contacto até o de agora.

Tamén se felicitou polo éxito da misión a ministra de Defensa, Margarita Robles, quen indicou que foron "días moi intensos, moi perigosos", pero que os evacuados xa están, "por sorte", camiño do Estado español. Desde a base aérea de Torrejón de Ardoz, a ministra lembrou que aínda hai en Djibouti, país próximo ao Sudán, membros do Exército Aéreo e Espacial, da Brigada de Paracaidistas e do Comando de Operacións Especiais que participaron do rescate.

"As nosas Forzas Armadas fixeron un traballo excepcional, magnífico coma sempre. Hoxe é un día de satisfacción", destacou Robles, para felicitar os militares, o embaixador español e todo o persoal da Embaixada de España polo seu "gran traballo" en Jartum. Albares tamén tivo palabras de eloxio para os militares e o seu "excelente traballo", así como para o embaixador e o persoal da Embaixada.

Comentarios