O mercado galego perdeu unha de cada tres vivendas en aluguer desde 2019

Nos últimos catro anos a oferta diminuíu 29%, máis que no conxunto do Estado español.
Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)

A oferta de vivendas en réxime de aluguer caeu por volta de 29% na Galiza só nos últimos catro anos, o que supón un punto porcentual máis que a media estatal (-28%). É dicir, que por cada 100 vivendas que se ofertaban en 2019, hoxe quedan no mercado 71. Así se desprende do estudo publicado esta terza feira polo portal inmobiliario Idealista.

O informe, que compara cifras do primeiro trimestre de 2019 co mesmo período de 2023, explica que a maior redución de stock de vivendas en aluguer deuse nas comunidades autónomas de Madrid e Catalunya, cunha caída de 41% en ambos os casos.

Séguenas Cantabria (-31%) e a Galiza, en cuarta posición (-29%). Por circunscricións, nos municipios que abrangue a da Coruña a oferta de baixou nos últimos catro anos 35%, mentres que nos de Ourense o descenso foi de 28%; en Pontevedra, de 24%, e en Lugo, pola contra aumentaron en 2% as vivendas no mercado destinadas a aluguer.

No conxunto da Galiza son, segundo apuntaba recentemente a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, "unhas 3.000" as casas e pisos ofertadas en réxime de aluguer. O dato contrasta fortemente co número de vivendas turísticas, que este mes de abril ascende a 17.900 rexistradas oficialmente.

Incrementar o parque inmobiliario

Precisamente esta terza feira o Colexio de Administradores de Predios da Galiza pediu incrementar o parque inmobiliario para reducir o prezo dos alugueiros e propuxo a creación dun Rexistro de Morosos para dar confianza aos arrendadores. Ao seu xuízo, medidas como a de pór topes ao alugueiro "contraerán máis o mercado, escorrentando os propietarios e provocando un transvasamento ao aluguer vacacional".

Por iso, urxiron a aprobación dunha Lei de vivenda "de longa duración", acordada polos axentes implicados, a sociedade e os grupos políticos co fin de mobilizar o mercado do aluguer e darlle continuidade e seguridade.

"Para a regulación actual só se tivo en conta o alugueiro das zonas denominadas 'quentes' ou de gran turismo e non o resto das localidades e cidades, que quedan suxeitas ás mesmas imposicións, o que fará diminuír a vivenda dispoñíbel para alugar", lamenta a entidade.

Comentarios