PSOE e PP únense no Congreso para a aprobar a reforma da lei de 'só si é si'

Dentro do Goberno, os ministros que son deputados de Unidas Podemos, Irene Montero, Ione Belarra, Alberto Garzón e a vicepresidenta Yolanda Díaz, votaron en contra, esta última de forma telemática, aínda que estivo presente durante o debate.
Un pleno do Congreso nunha imaxe de arquivo (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Un pleno do Congreso nunha imaxe de arquivo (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O Pleno do Congreso aprobou esta quinta feira a reforma da Lei do 'só si é si' impulsada polo PSOE e negociada co PP, que non contou co apoio de Unidas Podemos. A iniciativa contou, ademais, co apoio de PNV, PDeCAT, Coalición Canaria, Foro Asturias e Navarra Suma, o 'non' do BNG, ERC, Bildu e Podemos e a abstención de Junts. Vox, pola súa parte, decidiu non votar.

A iniciativa, de carácter orgánico, conseguiu así superar os 176 votos que eran necesarios para continuar coa súa tramitación. Despois deste paso, o texto será enviado ao Senado.

Dentro do Goberno, os ministros que son deputados de Unidas Podemos, Irene Montero, Ione Belarra, Alberto Garzón e a vicepresidenta Yolanda Díaz, votaron en contra, esta última de forma telemática, aínda que estivo presente durante o debate.

Mentres, a ministra de Xustiza, Pilar Llop, e o ministro de Industria, Héctor Gómez, votaron a favor, nunha votación na cal non estivo Pedro Sánchez, nin tampouco no debate.

Este novo texto, entre outras medidas, cambia o abano de penas para a "agresión sexual con violencia e intimidación". Para iso, modifica o artigo 179 do Código penal.

O debate

No debate desta reforma estiveron presentes a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, a ministra de Igualdade, Irene Montero, que se dirixiu á Cámara desde a tribuna tras a intervención de todos os grupos, a súa homóloga de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra e a titular de Xustiza, Pilar Llop.

Parte do equipo de Montero, a súa secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Vitoria Rosell, seguiron a xornada desde unha das salas da Cámara baixa.

Durante o mesmo, os socios do Goberno no Congreso reprocharon ao PSOE a súa aliñación co PP para sacar adiante esta reforma, en lugar de pactar coa postura que compartiron o resto de formacións que adoitan prestar o seu apoio ás políticas do Executivo.

Os socialistas, defendéronse apelando ao seu traballo para lexislar para "a maioría" e como un "exercicio de responsabilidade".

Comentarios