3.000 pisos para aluguer fronte a 17.000 turísticos: o "grave problema" da vivenda na Galiza

As inmobiliarias urxen medidas e advirten: "Hai unha dificultade de atopar pisos a un prezo razoábel, e máis na zona na que se busca".
Edificios residenciais en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Edificios residenciais en Ourense. (Foto: Nós Diario)

Representantes do sector inmobiliario alertan dun "grave problema" coa vivenda en réxime de aluguer na Galiza e urxen medidas para incrementar a oferta e abaratar o prezo. Ao mesmo tempo, sobre a mobilización de pisos da Sareb, afirman que "non cobre nin de lonxe a demanda". En declaracións á axencia Europa Press, tanto o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, como o da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), Carlos Debasa, apuntan a unha redución da oferta nos últimos anos que vinculan, entre outras cuestións, á "inseguridade xurídica" para os propietarios.

Nunha Galiza cuxa oferta fica en mans de "pequenos propietarios", segundo datos de Fegein, aseguran que son "unhas 3.000" as que están actualmente dispoñíbeis no mercado. "Son pouquísimas", indica Benito Iglesias. "Hai unha dificultade de atopar pisos a un prezo razoábel, e máis na zona na que se busca", engade Debasa, sobre os lugares con máis demanda. A respecto diso, un informe do portal Idealista sinala que até 63% das casas da Sareb están en zonas de baixa demanda no caso galego.

Como exemplo desta situación, Debasa precisa que en Lugo hai "menos de cen vivendas dispoñíbeis de longa duración". "Santiago estivo neses parámetros durante moito tempo e A Coruña e Vigo están polo mesmo camiño", precisa. Á súa vez, Benito Iglesias contrapón a cifra de vivendas existente aos "máis de 17.000" pisos turísticos. "Os que tiñan vivenda baleira pasaron en masa á turística pola seguridade xurídica e a rendibilidade", incide.

Aliás, engade, en relación á nova Lei de vivenda, que desde a súa Federación estiman que no caso de "entre 15 e 25% das que finalicen contrato" os propietarios acabarán derivándoas ao mercado de compravenda, ao aluguer vacacional "ou directamente deixaranas desocupadas", manifesta, aludindo ao impacto nas rendas máis baixas.

Papel dos concellos

Sobre as vivendas turísticas, o presidente de Agalin explica que, ante a "proliferación desmesurada" das mesmas, os concellos deben adoptar medidas. Ao fío diso, cita a normativa "decidida e valente e que se está a notar" en Santiago e destaca o feito de que noutros municipios como Pontevedra ou A Coruña acaban "entendendo o problema". "Vigo e outras van ter que tomar cartas no asunto", asegura, ao considerar que este inzamento fixo que aumentase o prezo dos alugueiros.

Mentres, destaca medidas abordadas coa Xunta como un programa polo que "os propietarios que así o consideren teñan un seguro de aluguer sen custo para eles polo que estarán protexidos contra a falta de pagamento". "A Xunta hai tres semanas aprobou unha ampliación do parque de vivendas de protección oficial", cita Benito Iglesias, quen reclama aos municipios que inclúan nos seus plans xerais solo para permutar de cara a unha colaboración público-privada na promoción de vivenda.

"Temos 345.000 vivendas baleiras na Galiza, se se mobilizase o 6% delas teriamos máis que arranxado o problema da oferta e baixarían os prezos", apostila. Para iso solicita, ademais, novos incentivos fiscais para que os propietarios saquen ao mercado os seus pisos.

Vivendas da Sareb

Benito Iglesias, crítico coa Lei de vivenda aprobada polo Goberno español, mantén as súas dúbidas sobre o anuncio de Moncloa da mobilización de vivendas da Sareb, que no caso da Galiza serían algo máis dun milleiro, de acordo cos datos achegados pola Delegación do Goberno. A pesar deste dato, alude a un menor número e vincula a medida a un "anuncio electoral". "Están a crearse expectativas que non se van a cumprir", manifesta para, a colación, incidir en que son casas "en moi mal estado" e que o proceso desde a tenza da vivenda por parte da Administración galega ou local até a súa reforma e posta no mercado para as persoas ás que van destinadas pode durar "menos".

Neste senso, reprocha que a concesión dunha licenza urbanística dure na Galiza "14 meses". "No mellor dos casos, non estaría esa vivenda dispoñíbel até o segundo semestre de 2024". Aliás, exixe, entre outras demandas á Xunta, unha auditoría externa da Sareb para saber onde se sitúan as vivendas ou o seu estado de conservación.

Pola súa parte, Carlos Debasa sinala que "calquera aumento é benvido, pero non cobre nin de moi lonxe toda a demanda existente". "Fai falta mobilizar máis pisos e nos da Sareb, sobre todo nas cidades, tampouco hai tantas vivendas", expón o presidente de Agalin, que insiste en que son "poucas".

A Xunta cuestiona as cifras

A respecto desta situación, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que reivindica medidas como a rehabilitación de "máis de 80 edificios" a través do Plan 'Rexurbe', o 'bono aluguer' para a mocidade ou o seu parque público de vivenda de case 3.800 inmóbeis, así como a construción doutras 500 vivendas de promoción pública para aluguer, cuestiona as cifras de pisos da Sareb.

"Son, en total, 42 vivendas localizadas en nove municipios que concentran apenas 6,8% dos demandantes totais de vivenda protexida na Galiza", aclara, alén de recalcar que non serán "cesións gratuítas". Por iso, cualifica de "desconcertante e sorprendente" o dato de mobilización de 1.285 vivendas no país para impulsar o aluguer social e alude aos anteriores datos, "facilitados á Xunta pola entidade financeira".

Porén, cómpre lembrar que de 2014 a 2023 só se construíron na Galiza 144 vivendas protexidas para aluguer, unha cantidade que se demostrou máis que insuficiente ante a grande demanda existente. Os demandantes dunha vivenda protexida de aluguer andan na Galiza nos 10.000

Comentarios