O Senado blinda o dereito ao aborto fronte a protocolos antiabortistas

A lei devolve ás menores de 16 e 17 anos o dereito a abortar sen necesidade dun consentimento paterno.
A ministra Irene Montero agradeceu á maioría feminista do Senado a aprobación desta lei. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A ministra Irene Montero agradeceu á "maioría feminista" do Senado a aprobación desta lei. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O pleno do Senado deu luz verde esta cuarta feira ao anteproxecto de lei orgánica que modifica a Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, unha reforma que devolve ás menores de 16 e 17 anos o dereito a abortar sen necesidade dun consentimento paterno e blinda o acceso ao aborto fronte a protocolos antiabortistas como o proposto por Vox en Castela e León.

Tras un debate de catro horas, o proxecto saíu adiante co voto a favor de PSOE, Unidas Podemos, Esquerra Republicana, Junts, PNV, Máis Madrid, Més per Mallorca e Compromís; o voto en contra de PP, Vox, Ciudadanos e UPN, e a abstención de Geroa Bai, Teruel Existe e PRC. En total, contou con 146 votos a favor, 110 en contra e 6 abstencións.

Ao texto, que chegou á Cámara Alta o pasado 20 de decembro e que se estaba a tramitar con carácter de urxencia, presentáronse tres propostas de veto das que quedaron finalmente dúas, unha de Vox e outra do PP, que foron rexeitadas, e 186 emendas, das cales só se aprobou unha de Compromís que modifica o artigo 19.2, que di que os centros de saúde "proporcionarán o método cirúrxico ou farmacolóxico, de acordo cos requisitos sanitarios de cada un", engadindo que será necesario "informar á muller sobre os procesos e os efectos secundarios".

Ademais, esta cuarta feira presentouse unha emenda transaccional asinada por todos os grupos e posteriormente aprobada cunha modificación técnica do artigo 31, que fai referencia ao aborto forzado e á esterilización e anticoncepción forzosas, "por calidade normativa na redacción", segundo informaron fontes parlamentarias.

O texto deberá regresar ao Congreso para a súa aprobación definitiva

Desde o seu escano, a ministra de Igualdade, Irene Montero, agradeceu "de corazón" á "maioría feminista do Senado" que permitiu aprobar esta reforma. O proxecto de lei, que agora deberá regresar ao Congreso para a súa aprobación definitiva, deixa o Senado cunha blindaxe do acceso ao aborto, perante unha emenda transaccional do PSOE sobre outra de Máis Madrid ao texto procedente do Congreso, que foi asinada por todos os grupos e introducida na fase de exposición.

Con esta modificación, a lei estabelece no seu artigo 24 que as administracións deberán "garantir o libre exercicio do dereito á interrupción do embarazo nos termos desta lei e, en especial, velarán por evitar que a solicitante sexa destinataria de prácticas que pretenden alterar, xa sexa para afianzar, revogar ou atrasar, a formación da súa vontade sobre a interrupción ou non do seu embarazo", coa excepción "da información clínica imprescindíbel e pertinente".

"O acceso das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo queda blindado para evitar aprobar un inexplicábel protocolo antiaborto para culpabilizar e tutelar ás mulleres que libre e voluntariamente deciden abortar, para evitar o acontecido en Castela e León e que ningunha outra comunidade autónoma tente facer como o PP e VOX, porque as mulleres non precisamos ser tuteladas", remarcou a senadora socialista María Esther Carmona.

Tamén desde o PSOE, a senadora Eva María Granados defendeu que "co PSOE avanzamos e co PP retrocedemos", e asegurou que con esta reforma se "corrixe" un retroceso porque "se devolve ás mulleres de 16 e 17 e ás mulleres con discapacidade o seu dereito". "Só unha de cada dez menores abortou sen o consentimento dos seus pais; esta lei está pensada para esa menor", precisou.

"Din que co PSOE se avanza e co PP se retrocede. Iso deben estar pensando os máis de 400 violadores aos que lles baixaron as penas, eses son os avances da ministra Montero, que non dimite, e Sánchez non pode cesala porque son os acordos para manter este Goberno en pé. Se este Goberno tivese dignidade, Sánchez xa tería cesado á señora Montero", retrucou o senador do PP Antonio Román.

Comentarios