O eucalipto e a biomasa unen os negocios de Altri e Greenalia

Os donos do grupo enerxético Greenalia estudan entrar no capital da planta de viscosa que Altri prevé levantar en Palas de Rei e que perpetúa o cultivo de eucalipto na Galiza. Trátase dun negocio de ida e volta, pois a factoría será tamén fonte de materia prima para a central de biomasa de Greenalia en Curtis.
A planta de biomasa de Greenalia en Curtis aproveita os restos das plantacións de eucalipto. (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera A planta de biomasa de Greenalia en Curtis aproveita os restos das plantacións de eucalipto (Foto: Xoán Roberes).

Cando Greenalia deu o salto á Bolsa, no ano 2017, unha das fortalezas que destacaba era a súa experiencia no sector forestal. A familia García levaba 20 anos traballando nos montes galegos a través de García Forestal, firma que deu orixe a Greenalia, a compañía galega de renovábeis que controlan a través da patrimonial Smarttia.

Precisamente, esta sociedade cobrou protagonismo nas últimas semanas por anunciar, xunto coa patrimonial de José María Castellano, unha oferta pública de adquisición (OPA) polo 13% do capital que non controlan de Greenalia para excluíla da Bolsa, mais tamén polo suposto interese en entrar no proxecto de Altri.

A firma lusa Altri prevé levantar unha planta de viscosa en Palas de Rei que serviría Greenalia para fechar o círculo da produción forestal na Galiza.

A fábrica de Altri consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que supón case unha de cada cinco toneladas da especie que se cortan nos montes galegos.

Os restos desas cortas serán aproveitados por Greenalia como combustíbel para a súa planta de biomasa en Curtis, aínda que a firma presidida por Manuel García tamén podería obter outros beneficios pola prestación de servizos forestais á firma de celulosa portuguesa.

Ameaza para Ence

A unión de ambas as empresas xoga en contra dos intereses do que até hai uns anos era o actor principal nos montes galegos. A pasteira Ence suma un novo 'inimigo' con Altri, que competirá coas plantas de Pontevedra ─pendente da súa continuidade polas sentenzas xudiciais─ e de Navia (Asturies) pola materia prima: o eucalipto. 

Con todo, o conselleiro delegado de Altri, José Soares, recoñecía hai unhas semanas que a proximidade a outras plantas, en referencia ás de Ence, non foi un factor determinante para elixir Palas de Rei como emprazamento no canto da Mariña. 

Tampouco consideraba relevante a continuidade ou non de Ence en Pontevedra para os seus plans. "A decisión vai ser con base ao acceso que podemos ter ao recurso dispoñíbel, non o que poidan facer outros competidores”, afirmou Soares.

Está por ver como reacciona Ence a estes movementos, pero no pasado xa demostrou que non lle gusta ter competencia. De feito, a firma de celulosa tentara facerse cos dereitos que Greenalia obtivera na primeira poxa de renovábeis para levantar a súa planta de biomasa en Curtis. A firma galega de renovábeis rexeitou a oferta, pero non evitou que Ence apostase tamén por levantar unha planta das mesmas características no seu complexo de Lourizán (Pontevedra).

De momento, o de Altri non deixa de ser un proxecto sobre o papel que require dos permisos ambientais correspondentes e, sobre todo, de financiamento. A firma lusa confía en que os fondos europeos Next Generation sufraguen entre 25 e 30% dos 800 millóns de euros que precisa para levantar a planta.

Comentarios