O proxecto de Altri en Palas de Rei non ten encaixe nos fondos 'Next Generation'

A pasteira carece de tecnoloxía propia para desenvolver o planeado.
Javier Arias, o CEO de Altri, José Soares, os conselleiros de Economía e Medio Rural, Francisco Conde e José González, e Enyd López (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Arias, o CEO de Altri, José Soares, os conselleiros de Economía e Medio Rural, Francisco Conde, José González e Enyd López. (Foto: Europa Press)

O proxecto para erguer unha fábrica de viscosa na Galiza non avanza. A proposta presentada por Altri para conseguir financiamento para a súa factoría de Palas de Rei non cumpre cos criterios fixados polo Executivo do Estado para acceder ás axudas do fondo Next Generation. A maiores, a compañía lusa carece da tecnoloxía necesaria para pór en marcha a iniciativa.

O delegado do Goberno do Estado na Galiza, José Miñóns, foi claro á hora de analizar as debilidades da proposta de Altri para levantar unha fábrica de viscosa en Palas de Rei. Nunha rolda de prensa realizada a semana pasada para explicar a xestión do Executivo estatal, sinalou que a proposta da compañía lusa non ten encaixe nas liñas de axuda previstas dentro do programa Next Generation. Apuntou que desde a secretaría xeral de Industria “solicitóuselle á empresa máis detalles, pero polo momento non temos ese proxecto definido”.

As palabras de Miñóns chegaron após coñecerse que o Executivo estatal trasladou á compañía portuguesa a imposibilidade de achegar fondos para o proxecto nos termos demandados na proposta. Neste sentido, propuxo a Altri a reformulación da súa iniciativa de Palas de Rei ou, no caso contrario, a súa presentación a 17 ordes de axuda correspondentes con outros tantos Perte formulados desde o Goberno do Estado.

En todo caso, ningunha das solucións garantía os perto de 250 millóns de euros de diñeiro público que a empresa portuguesa lusa requiría para instalarse na Galiza.

Sen posibilidades de Perte específico

As posibilidades de formular un Perte específico para a factoría de viscosa de Palas de Rei, tal como demandaban a Xunta e Altri, están descartadas desde o Goberno do Estado. A este respecto, Miñóns resaltou que “seguimos traballando para que a iniciativa saia adiante, pero dentro das concorrencias competitivas dos Perte que hai encima da mesa”. 

Nesta liña, as fontes gobernamentais consultadas por Nós Diario indican que “as orientacións da Comisión de Europea son claras e prohiben expresamente que os Perte estean dirixidos a empresas concretas ou a proxectos determinados”. 

Altri estuda neste momento os pasos a seguir. Segundo puido saber este xornal, a compañía analiza con importantes consultoras do Estado a busca de novas vías para conseguir financiamento público. Así, varias fontes confirman a este medio que unha das empresas contactadas pola compañía lusa é Acento, a consultora fundada polo antigo ministro de Fomento e dirixente do PSOE José Blanco.

Precisamente, Blanco foi un dos políticos socialistas que recibiu con máis entusiasmo o anuncio de Altri de instalarse en Palas de Rei, sinalando ese día nas súas redes sociais que era unha “gran nova para Lugo, para a comarca da Ulloa e para Palas de Rei”.

Acento é unha das consultoras máis influentes do Estado. A compañía, centrada en labores de lobby diante de diferentes institucións, ten como presidente o ministro de Sanidade de Mariano Raxoi e candidato do PP á presidencia de Euskadi, Alfonso Alonso. Ademais, do seu consello asesor fan parte dirixentes socialistas como Elena Valenciano ou políticos populares como José María Lasalle ou Elena Pisonero.

Só tres empresas no mundo dispoñen da tecnoloxía necesaria

A escolla de Altri para desenvolver o proxecto da fábrica viscosa xerou sorpresa no sector. Malia que a proposta inicial da Xunta da Galiza pasaba por outras compañías, a decisión de Inditex de non participar no proxecto levou o Goberno galego a optar pola empresa lusa, un grupo que mantiña relacións de vello coa sociedade forestal da familia García, impulsora e primeira accionista da eléctrica Greenalia.

Porén, Altri carece da tecnoloxía propia para executar un proxecto como o previsto en Palas de Rei, dispondo actualmente desta tecnoloxía só tres empresas no mundo, dúas delas asiáticas e unha terceira europea, a austríaca Lenzing AG, un grupo que evolucionou desde a produción de polpa para papel e fibra até converterse no líder mundial na xeración en lycocell.

Comentarios