Análise

As chaves galegas das eleccións madrileñas

A campaña e o resultado dos comicios deixáronse notar no país. A esa pegada contribuíu o intento das forzas políticas de empregar este proceso como ensaio cara as próximas eleccións ao Goberno español.
Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)

O proceso electoral madrileño deixouse notar cunha intensidade non usual na Galiza. A iso ten contribuído de maneira central a decisión das forzas políticas españolas e das súas terminais mediáticas de converter os comicios nunha sorte de ensaio xeral das vindeiras eleccións estatais e, particularmente, a visión hexemónica sobre a articulación territorial do Estado, que converte Madrid no comezo e no final de todo. Porén, a foto final das eleccións deixa lecturas diferentes en función dos intereses das centrais das formacións políticas e das súas franquías galegas e introduce chaves de interese para explicar os movementos tácticos destas.

Alberto Núñez Feixoo é un dos grandes derrotados das eleccións de 4 de maio. A contundente vitoria do seu partido e o éxito sen matices da proposta do Partido Popular en Madrid reforza o liderado de Pablo Casado e aumenta as posibilidades do presidente actual dos populares de encabezar a candidatura conservadora fronte a Pedro Sánchez.

Precisamente Feixoo fiaba o salto á política española a un progresivo deterioro da figura de Casado, como consecuencia  dos seus tropezos nos procesos electorais territoriais. Así as cousas, os resultados de Madrid rematan co tempo de interinidade aberto no partido tras o fracaso das eleccións catalás, fechan as posibilidades de Feixoo como relevo de Casado e proxectan o actual líder español dos populares como alternativa a Sánchez.

Os resultados electorais de Madrid adiantan unha nova vaga centralizadora e un incremento das posicións máis reaccionarias. O Bloque Nacionalista Galego sabe do impacto destas campañas de criminalización do nacionalismo no corpo electoral galego e debe prepararse para respondelas evitando algúns dos erros cometidos na segunda lexislatura de José María Aznar. A experiencia do acontecido entre 2000 e 2004 pero tamén da recente campaña madrileña evidencia a necesidade dun “pensamento forte” e de enfrontar sen concesións a batalla ideolóxica cando se pretende levar adiante unha estratexia política gañadora.

Gonzalo Caballero gaña folgos tras o fracaso da táctica de Pedro Sánchez en Madrid. Malia que os resultados do PSOE na Galiza son moi dependentes da tendencia xeral a nivel de Estado e o fracaso de Madrid apunta a un ciclo á baixa dos socialistas, a debilidade na que fica o equipo do presidente do Goberno español réstalle capacidade de manobra para impor as súas posicións nos diferentes territorios. Aínda así, a opinión de Moncloa vai ser importante á hora de decidir o nome do futuro líder dos socialistas galegos.

O futuro de Unidas Podemos na Galiza é unha incógnita. A saída da primeira liña política de Pablo Iglesias e o seu relevo por Yolanda Díaz deixa a formación sen as súas principais referencias públicas no Estado e na Galiza. Están por determinar os termos da reformulación nese espazo político e o novo marco de relación entre os parceiros da coalición electoral.

Pola súa banda, os resultados de Ciudadanos semellan definitivos. Se a situación da formación na Galiza xa era de extrema debilidade, a foto final da contenda de Madrid adianta unha desbandada dos seus escasos cargos electos cara a outras forzas políticas, maiormente ao PP.

Comentarios