Feixoo ve “perfectamente compatíbel” o seu discurso e o de Ayuso e di estar “preocupado” por se ela non gaña en Madrid

"Os nosos discursos son perfectamente compatíbeis", dixo Feixoo tras incidir en que a diferenciación entre el e a presidenta madrileña "é unha cuestión que non existe, nin como debate nin como problema, nin como obxectivo nin como subxectivo".
Feixoo con Díaz Ayuso nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Feixoo con Díaz Ayuso nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Núñez Feixoo, considera que o seu "discurso" é "perfectamente compatíbel" co da súa homóloga madrileña e compañeira de partido, Isabel Díaz  Ayuso, á que desexou que, a partir das eleccións á Asemblea de Madrid do próximo 4 de maio, teña "a estabilidade que ten Galiza".

O mandatario galego foi cuestionado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre as declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, quen, nunha entrevista radiofónica, expresou que quere "ser a media entre Feixoo e  Ayuso".

"Os nosos discursos son perfectamente compatíbeis", dixo Feixoo tras incidir en que a diferenciación entre el e a presidenta madrileña "é unha cuestión que non existe, nin como debate nin como problema, nin como obxectivo nin como subxectivo".

"O que temo é que non gañe  Ayuso e que en Madrid se amplíe o proxecto de PSOE e Podemos á Comunidade de Madrid, o motor económico máis importante de España", manifestou.

Segundo Feixoo, o debate de candidatos á presidencia madrileña da pasada cuarta feira evidenciou que o aspirante do Partido Socialista, Ángel Gabilondo, "quere gobernar" co líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, o que suporía que este último "multiplique o seu poder" pois, para o presidente galego, "segue mandando no Goberno de España".

En contraposición, nun debate que, para Feixoo, foi "un todos contra  Ayuso", esta demostrou que ten "un proxecto e un programa" fronte a partidos cuxas propostas son "contraditorias".

"O único que me preocupa de Madrid é que  Ayuso non revalide a presidencia cun resultado claro e diáfano", remarcou. Neste sentido, incidiu en que non quere falar de "previsións" ou "feitos futuros", senón que a "clave" nestes momentos é que o PP logre unha maioría "que parecía imposíbel" pero que, agora, os estudos  demoscópicos "acreditan como unha posibilidade".

Con todo, emprazou Díaz  Ayuso e o seu equipo a "non dar un voto por perdido" porque "esa maioría estábel non se consegue" até o momento en que se pechan os colexios.

Comentarios