Más Madrid encabezará a oposición ao Goberno do PP

As eleccións da pasada terza feira na Comunidade de Madrid saldáronse cunha vitoria do PP, e en menor medida de Vox, que obtiveron 16 puntos porcentuais máis que a suma do bloque progresista. Ademais, consolidan Más Madrid e a súa líder, Mónica García, como a principal rival de Ayuso nas eleccións de 2023.

Mónica García, nova líder da oposición na Comunidade de Madrid, valora os resultados. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Mónica García, nova líder da oposición na Comunidade de Madrid, valora os resultados. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A resaca electoral en Madrid deixou a primeira baixa poucas horas despois de fecharse as urnas coa renuncia de Pablo Iglesias, candidato de Unidas Podemos nas eleccións da pasada terza feira, nunha votación que supuxo unha vitoria incontestábel de Isabel Díaz Ayuso e o PP, mais tamén a consolidación de Más Madrid e a súa candidata, Mónica García, que será a líder da oposición nesta lexislatura de apenas dous anos.

A pesar do sorpasso ao PSOE, que pasa de gañar as eleccións de 2019 a converterse na terceira forza da asemblea perdendo 13 escanos e obtendo os peores resultados desde que en 1983 comezaron a desenvolverse eleccións rexionais en Madrid, Ángel Gabilondo transmitiu hoxe que non pensa dimitir e que vai recoller a súa acta como deputado na asemblea, malia que varios cargos do PSOE comezan a pedir “unha reflexión seria” sobre os resultados.

Os 614.660 votos e 24 escanos que recibiu Más Madrid, catro escanos e 140.000 votos máis que hai dous anos, levaron a Mónica García a superar a un PSOE en desbandada e a situarse como a principal rival de Isabel Díaz Ayuso e como a líder indiscutida de Más Madrid, nacida dunha escisión en Podemos.

García marcouse como obxectivos sacar ao PP e a Vox do Goberno da Comunidade en 2023 nunha reunión está mañá con militantes de Más Madrid, onde recoñeceu o papel “fundamental na política do cambio” de Pablo Iglesias despois da súa renuncia, e aplaudiu “que non se lle caian os aneis para dimitir”.

A derrota do bloque progresista nunhas eleccións marcadas polas ameazas que recibiu -entre outros- Iglesias, e que foron infravaloradas pola extrema dereita, levou á renuncia do único cargo político que ostentaba, a Secretaría Xeral de Podemos.

O partido estatal fixo público hoxe que a súa Executiva dirixirá a organización até a vindeira Asemblea Cidadá, que terá que elixir á persoa que ocupará a Secretaría Xeral, unha vez que Yolanda Díaz, nomeada por Iglesias como a súa herdeira política, non é militante de Podemos.

A extrema dereita comprométese a apoiar a investidura de Ayuso

Na rolda de prensa posterior aos comicios, a cúpula de Vox confirmou que para a investidura o PP obterá o seu apoio sen contrapartidas, ao tempo que destacaban que serán “decisivos” nesta etapa de Goberno nunha lexislatura de apenas dous anos.

O PP, despois dunha campaña baseada na confrontación co Estado e tras negarse a adoptar no Goberno rexional varias das medidas estatais contra a pandemia, reuniu hoxe o seu Comité Executivo para tentar extrapolar os resultados de Madrid ao resto do Estado, con presidentes territoriais como Alberto Núñez Feixoo, Juanma Moreno (Andalucía) e Fernando López Miras (Murcia) lanzando a idea de que o 4 de maio supón un cambio de ciclo político no Estado.

A resposta do PSOE chegou do presidente da Comunitat Valenciana, Ximo Puig, salientando que o Estado é máis que Madrid.

Comentarios