mércores 19/05/21
Ayuso duplica o apoio

O PP gaña con solvencia en Madrid

O 76,2% das máis de cinco millóns de persoas chamadas a votar levaron o PP a duplicar os escanos das eleccións de 2019. Aínda que sen maioría absoluta (ficou a só 4 escanos), polo que Ayuso precisará Vox para manter o poder na rexión de Madrid, despois de que Ciudadanos quedara borrado do mapa político.
pp casado ayiso foto do pp de madrid

As urnas falaron e Isabel Díaz Ayuso (PP) poderá recuncar na Presidencia da Comunidade de Madrid e contar co apoio da extrema dereita de Vox para a lexislatura.

Os resultados de Ayuso permítenlle ao PP volver ser a primeira forza do Parlamento rexional, absorbendo os escanos de Ciudadanos -que queda definitivamente fóra da asemblea-, e sumando 35 escanos aos 30 cos que quedou despois das eleccións en 2019. Logra 65 representantes, ficando a 4 da maioría absoluta.

Os resultados de Vox, 13 asentos, garanten as posibilidades de Ayuso de continuar gobernando até 2023, cando se terán que desenvolver novos comicios, despois de amosarse durante a campaña aberta á participación no Goberno da extrema dereita.

Pola contra, o bloque progresista non foi quen de mobilizar o seu electorado como pretendía nos últimos días. A subida na participación, que pasou do 64,27% de 2019 ao 76,2% de onte, non chegou para acadar os 69 escanos que lles terían permitido formar unha alternativa de goberno a PP e Vox.

O PSOE perde a primeira praza que acadara dous anos atrás, cun descenso de 13 escanos até os 24, na que previsiblemente serán as derradeiras eleccións de Ángel Gabilondo como candidato tras as criticas recibidas polo perfil elixido polo PSOE para encabezar a súa lista e o sorpasso de Más Madrid.

Más Madrid, que despuntara nas últimas enquisas, convértese na segunda forza da Asemblea de Madrid nas súas segundas eleccións, co liderado de Mónica García, alcanzando os 24 escanos e superando por uns poucos miles de votos ao PSOE.

A última forza do bloque, Unidas Podemos, mellora lixeiramente os seus resultados até as 10 deputadas e deputados, despois da renuncia de Pablo Iglesias á Vicepresidencia do Estado para concorrer como candidato nestas eleccións. Hai dous anos a formación entrara no Parlamento rexional por só un 0,6% do voto. Ao confirmarse estes resultados Iglesias anunciou a súa retirada da política.

Ciudadanos non terá representación no órgano lexislativo da Comunidade de Madrid, ao quedar moi lonxe do 5% mínimo para acceder, despois de cogobernar desde 2019.

comentarios