Pablo Iglesias: "Deixo todos os meus cargos, deixo a política"

O líder de Podemos e candidato á presidencia da comunidade de Madrid, Pablo Iglesias, anunciou na noite da terza feira que deixa a política activa tras os resultados da súa candidatura nos comicios madrileños.
pablo
photo_camera Pablo Iglesias, na noite electoral.

Pablo Iglesias anunciou na noite da terza feira, 4 de maio, que abandona a política institucional. "Deixo todos os meus cargos, deixo a política institucional", declarou ante os medios de comunicación pasadas as 23.30 horas, tras coñecerse os resultados das eleccións de Madrid. "Aínda que mellorásemos os nosos [resultados], creo que non contribúo a sumar", apuntou o ex vicepresidente do Goberno español.

"Non vou ser un tapón para a renovación de liderados que se ten que producir na nosa forza política", salientou quen fora un dos impulsores da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Iglesias, que xa anunciara que non recuncaría como secretario xeral de Podemos, chegara a salientar que AGE e Xosé Manuel Beiras foran "a primeira tradución electoral do 15-M", movemento do que se van facer dez anos.

Unidas Podemos logrou mellorar os resultados nas eleccións á Comunidad de Madrid a respecto dos obtidos en 2019. Esta é a primeira vez que a formación sobe nas urnas en comparación co resultado anterior na mesma convocatoria.

Hai dous anos, obtiña 181.231 sufraxios, un 5,60%, moi perto da fronteira que marca a entrada na Asemblea rexional. Nas eleccións de 2021, conseguiu 258.028 votos (un 7,21%) e sete deputados, coa participación disparada por encima do 76%.

Unha "traxedia"

Nas súa intervención na noite da cuarta feira, Iglesias cualificou de "traxedia" os resultados "para a sanidade pública, a educación pública e os servizos públicos". Augurou en "termos estatais" que as eleccións madrileñas "van agudizar os problemas territoriais". "Nunca Madrid foi tan diferente do resto de España", salientou.

Tamén advertiu de que o bloque progresista fracasou. Felicitou a Más Madrid polos seus resultados, que cualificou de "magníficos".

Comentarios