xoves 05/08/21

As chaves da sucesión de Feixoo, após o Congreso do PP

Diego Calvo sobresae como o mellor posicionado, por riba do vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda.
Alberto Núñez Feixoo, na xunta directiva do PPdeG, en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina) #feixoo #feijoo #ppdeg #pp #diegocalvo #compostela #política
Alberto Núñez Feixoo, na xunta directiva do PPdeG, en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

O Partido Popular galego camiña cara ao seu XVII Congreso. Ao plenario, que decorrerá 16 e 17 de xullo, sucederanlle os congresos provinciais en que se renovarán as direccións territoriais do partido. No resultado deses procesos estarán moitas das chaves do relevo de Alberto Núñez Feixoo que, polo de agora, segue sen aclarar se optará ou non a un quinto mandato na Xunta.

Co obxectivo de que o Goberno galego e o partido "sigan unidos" nos tres anos que fican de lexislatura, Núñez Feixoo confirmou que se presentará á reelección para presidir o PPdeG. Así o ratificou onte ante a xunta directiva do partido, reunida na capital galega. "Sigo ao dispor do partido no que creo e iso é o meu modo de seguir ao dispor da Galiza", proclamou. 

E como Feixoo segue sen desvelar se volverá presentarse para presidir a Xunta, todas e todos os aspirantes a relevalo son ben conscientes do peso que no PP galego teñen as estruturas provinciais e non van deixar pasar por alto a oportunidade de situarse estratexicamente nelas para estar en boa posición de saída ante unha posíbel operación relevo.  

Na Coruña o camiño parece despexado para que repita como presidente provincial do partido Diego Calvo, que parte como o mellor situado para suceder Feixoo. 

Calvo vs Rueda

Calvo conta coa confianza do titular da Xunta e de Pablo Casado e a nivel institucional ocupa a Vicepresidencia primeira do Parlamento. En febreiro foi o encargado de viaxar a Madrid para defender no Congreso a proposta da Cámara galega para a transferencia da AP-9. A representación galega completábana a líder do BNG e o do PSdeG, o que situou Calvo, de facto, como número 2 do PP, por riba mesmo do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. 

Precisamente este pontevedrés soa desde hai anos como sucesor de Feixoo, mais ultimamente esta posibilidade fica máis lonxe. Rueda preside o PP provincial de Pontevedra mais xa non conta co apoio incondicional de Feixoo nin co do PP vigués nin doutros concellos que recelan do grupo dos populares pontevedreses -que ten Mariano Raxoi e Ana Pastor como buques insignias-, xa que tradicionalmente acaparan altos postos gobernamentais sen seren capaces de gañar eleccións. 

Lugo abre interrogantes. Hai cinco anos que Elena Candia, hoxe deputada no Parlamento mais daquela alcaldesa de Mondoñedo, arrasou con 69,6% dos votos na elección á Presidencia provincial do partido, contando co apoio do seu antecesor, José Manuel Barreiro. Candia gañou así nas urnas á candidata de Feixoo, Raquel Arias, daquela delegada da Xunta en Lugo. Con todo, a relación Candia-Barreiro xa non é a que era, polo que o futuro da mindoniense á fronte do PP lugués está no ar, sobre todo despois de ficar como deputada na Cámara, sen Consellaría na Xunta, a pesar de nas eleccións encabezar a candidatura por Lugo. 

Mentres, en Ourense non hai obstáculos elevados para que Manuel Baltar recunque no liderado da dirección provincial do partido, sobre todo mentres manteña a Deputación consigo.

Como marca a tradición, os pasos e relevos nas estruturas provinciais sinalan o futuro do PP galego. Aliás, no congreso hai outros interrogantes como a continuidade de Miguel Tellado na secretaría xeral do partido.

comentarios