Cambio de rumbo no PSdeG: Valentín González Formoso é o novo secretario xeral

O presidente da Deputación da Coruña supera Gonzalo Caballero nas primarias socialistas.
Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Valentín González Formoso, no seu despacho da Deputación da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)

O socialismo galego vota cambio. Valentín González Formoso (As Pontes, 1971), alcalde da súa localidade natal desde hai 14 anos e actual presidente da Deputación da Coruña, é o novo secretario xeral do PSdeG logo de superar Gonzalo Caballero nas primarias.

Forxado na política municipal, en 2013 foi nomeado polo entón secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como secretario de Política Municipal no aparello do partido. Precisamente con ese home que tamén foi presidente da Deputación de Lugo mantén unha estreita relación que algúns socialistas vinculan coa vitoria que logrou na provincia de Lugo, onde Besteiro mantén a súa influencia.

Tras ese primeiro salto colleu en 2017 as rendas do PSOE provincial coruñés, logo de imporse nas eleccións primarias á concelleira compostelá Mercedes Rosón, líder dunha candidatura considerada como afín a Gonzalo Caballero. Nesta área, na que asinou os seus mellores resultados, contou co apoio dos alcaldes das tres principais cidades: A Coruña, Ferrol e Santiago.

Durante meses, e tras o estalido do conflito entre a dirección que capitaneaba Gonzalo Caballero e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pola destitución da concelleira Eva Martínez  Acón, foron numerosas as voces internas que daban por feito que Valentín González Formoso acabaría dando un paso adiante para facerse co control da situación, como así foi.

Con todo, fíxose esperar e optou por dar a coñecer a súa decisión unha vez que foi convocado por parte do Comité Nacional o  XIV Congreso que os socialistas lavarán a cabo en decembro, proceso de renovación da estrutura do partido no que se sitúan as primarias levadas a cabo este pasado sábado.

Integración ou non integración, esa é a cuestión

Tras o seu triunfo, queda por ver se Formoso opta finalmente pola integración de membros da candidatura rival despois dunha campaña na que asegurou que a integración está no seu “ADN” e que "non" concibe "un proxecto que nacese da división do partido".

Outro asunto que deberá afrontar será a convivencia co PSOE pontevedrés e co poder que nel ostenta o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, agrupación na que venceu Gonzalo Caballero, que tamén se impuxo na cidade de Pontevedra.

Outra cuestión importante será a súa relación co grupo parlamentario do PSdeG, integrado por varios deputados moi próximos a Gonzalo Caballero, caso do que fora vicesecretario  xeral durante a súa etapa como líder, Pablo Arangüena.

Formoso, que xa avanzou a súa intención de continuar á fronte da Deputación da Coruña, convencido de que un secretario  xeral debe ter "percha institucional", deberá compaxinar tamén as súas novas responsabilidades orgánicas coa alcaldía das Pontes, un municipio moi ligado á central térmica de Endesa e afectado polo proceso de  descarbonización.

Comentarios