González Formoso: “Ao tren do PSdeG pode subir calquera”

O novo secretario xeral dos socialistas galegos anuncia que fará cambios no grupo parlamentario só "se son necesarios".

O presidente da Deputación da Coruña e novo secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, co seu predecesor no cargo, Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Deputación da Coruña e novo secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, co seu predecesor no cargo, Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

O recentemente elixido como novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, avanzou hoxe que comezará a deseñar "nos próximos días" a nova Executiva do partido na Galiza, que quedará oficialmente constituída no Congreso Nacional do 7 e 8 de decembro.

Así o asegurou nunha entrevista concedida á Cadena Ser, tan só un día despois de superar con máis de 58% dos votos o anterior secretario  xeral, Gonzalo Caballero.

Ante o risco de que, tras este proceso, o partido poida saír dividido, Formoso chama a coser as feridas "con sensatez". "A ese tren pódese subir en calquera momento, estamos todos subidos nel", asegurou.

Con todo, o recoñeceu que é unha vitoria cunha marxe "ampla", o que reflicte, ao seu xuízo, que "hai unha amplísima maioría do partido que compartía a reflexión da necesidade de enviar unha mensaxe á cidadanía galega optimista e de que entenderamos esa falta de empatía co proxecto do PSdeG nas eleccións galegas”.

E é que, tal e como lembrou, nas citas electorais do ano 2019, os socialistas impuxéronse ao PP na Galiza nos comicios xerais e nos europeos, mentres que nos municipais conseguiron as alcaldías de "practicamente todas as cidades": Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo.

"Necesitabamos dar unha resposta a ese escenario de que nas galegas, en cambio, fósemos terceira forza", engadiu.

Candidato en 2024?

Con todo, Formoso, até o de agora secretario do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña, aínda non se pronuncia sobre a persoa que encabezará a candidatura socialista nas próximas eleccións galegas.

É unha cita para a que -salvo adianto- quedan uns tres anos, tempo que ve "máis que suficiente" para realizar as preceptivas primarias. "Non teñen por que ser dous anos antes, como ocorreu nas anteriores, senón que poden ser cunha marxe de tempo mínima. Así o estabelecen os estatutos do partido e o propio sentido común", explicou.

“Agora o que toca é deseñar o futuro da parte operativa" do partido e "poñer a funcionar" os seus órganos para que falen "con máis consistencia das cousas externas que das internas".

Cambios "se son necesarios"

Pola súa banda, o secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero, avanzou tras a súa derrota que non ten pensado abandonar o seu escano no Parlamento galego. Preguntado respecto diso, Formoso recoñeceu que é "un dos temas" que abordar en próximas semanas.

"Aínda temos que dar o primeiro paso, que é conformar o órgano Executivo do PSdeG, e despois celebrar un Congreso, que ten que ser ilusionante, ademais dunha plataforma de traballo e de visibilidade do partido para o próximos tres anos", subliñou.

Neste contexto, sobre se acometerá algún cambio estrutural nos grupos parlamentarios da Cámara Galega ou das Cortes Xerais, Formoso insistiu en que se fará "se é necesario". "Se non é necesario porque (as deputadas) serven como correa de transmisión da nova Executiva e hai identidade coas novas formas de traballar, non vai haber ningún inconveniente coa continuidade", asegurou.

Continuará como alcalde e presidente da deputación

O que si deixou claro Valentín González Formoso é que a súa nova responsabilidade á fronte do PSdeG é "totalmente compatible" con ser presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes de García Rodríguez.

Para xustificalo, apuntou que Pedro Sánchez é, áao mesmo tempo, secretario xeral do PSOE e "presidente dun Goberno que manexa 446.000 millóns de euros en gastos".

"Sendo secretario provincial do partido, sendo alcalde das Pontes e sendo presidente da Deputación duplicamos o número de alcaldías en 2019 con respecto a 2015. É unha compatibilidade que está acreditada e que bebe dese espírito de creación de equipos", resolveu.

Comentarios