Caballero defende o seu “proxecto gañador” mentres Formoso vese “alternativa clara" a Feixoo

Os dous candidatos á secretaría xeral do PSdeG continúan coa súa xira por Galiza para conseguir apoios de cara ás primarias. Antes do debate, un e outro defenderon as súas equipas e ideas como as que poden loitar contra o Goberno de Alberto Núñez Feixoo para apealo da Xunta.

González Formoso e Caballero, xuntos, nun acto de partido decorrido en xullo. (Foto: Andrés Castro / PSdeG) #primarias #psdeg #caballero #gonzálezformoso
photo_camera González Formoso e Caballero, xuntos, nun acto de partido decorrido en xullo. (Foto: Andrés Castro / PSdeG)

As primarias do PSdeG para conseguir o posto de secretario xeral están cada vez máis perto e os dous candidatos seguen a percorrer a Galiza na procura de apoios aos seus proxectos.

Nesta cuarta feira, o actual secretario Gonzalo Caballero, que quere revalidar o cargo, estivo en Lugo onde defendeu que representa “o proxecto de esquerda galeguista gañador na Galiza”.

Antes da participación no debate co seu rival, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou que “cada día atopa máis forza na militancia socialista”, que desde o seu punto de vista “quere seguir avanzado”.

Camiñando nesa vía de esquerda e galeguismo cos “valores do feminismo, o ecoloxismo e o compromiso ético como bandeira”.

“Este proxecto é a mellor garantía para afrontar con éxito as municipais e as xerais de 2023 e para gobernar Galiza no 2024”, sinalou Caballero.

Porén, o aspirante ao liderado do partido no país, considera que a alternativa real e viábel ao Partido Popular é a que representan el e a súa equipa.

González Formoso, que entre outros lugares estivo na Coruña até a tarde desta cuarta feira, remarcou que as e os socialistas queren “un PSdeG forte” porque a Galiza “precisa dun PSOE forte, que sexa alternativa clara ao Goberno de Feixoo”.

Estabelecéndose como garante desa fortaleza, o opoñente de Caballero chamou a unha participación masiva da militancia na cita coas urnas deste sábado 30 de outubro.

“Non nos podemos conformar con superar ao BNG e ser segunda ou terceira forza política, temos que gobernar para mudar a vida das persoas”, reflexionou.

Comentarios