Análise

O PSdeG inicia unha mudanza de rumbo

O eixo da A-6 funcionou nas primarias socialistas. O voto masivo das agrupacións das comarcas coruñesas e luguesas a González Formoso abondaría para a súa elección como secretario xeral, porén o presidente da Deputación da Coruña logrou unha importante porcentaxe de sufraxios en Ourense e Pontevedra, coa excepción de Vigo.

Gonzalo Caballero e Valentín Formoso durante o debate das primarias do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero e Valentín Formoso durante o debate das primarias do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

Os impulsores da candidatura de Valentín González Formoso non se equivocaron nas súas contas. Se coincidindo coa formalización da proposta do presidente da Deputación da Coruña o pasado 27 de setembro sinalaron que agardaban un trunfo claro na Coruña e Lugo, uns bos resultados en Ourense e unha votación máis baixa en Pontevedra, as previsións cumpríronse. Neste sentido, a decisión final de Abel Caballero de apoiar o seu sobriño, rompendo a inicial neutralidade, operou como un factor de distorsión que mellorou en parte a porcentaxe do secretario xeral saínte.

O reconto final das primarias deixa unha foto da correlación de forzas no interior do partido. Formoso é o triunfador claro na circunscrición coruñesa con 2.103 sufraxios e 70% dos apoios. Ao tempo, gaña con rotundidade nos espazos rurais e vilegos pero tamén nas cidades, logrando o 68,06 dos votos en Ferrol, o 60,2% en Compostela e o 58,5% na Coruña . Precisamente, nesta última localidade saíu debilitada a secretaria local do partido, Eva Acón, próxima a Caballero, e reforzada a figura da alcaldesa, Inés Rey, persoa do círculo de Formoso.

Lugo presentou os mellores números para o novo secretario xeral do PSdeG. Formoso conseguiu nesta circunscrición 1.158 sufraxios e o 73,99% dos apoios. Proclamouse vencedor nos principais núcleos de poboación como Lugo, Monforte, Viveiro ou Sarria pero tamén nas localidades máis pequenas. Nestes resultados foron decisivos os apoios procedentes do sector de José Ramón Gómez Besteiro, e do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que malia deberlle o cargo a Gonzalo Caballero non dubidou en traballar intensamente a prol da candidatura de Formoso. O antigo secretario de Organización do partido e presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, foi un dos grandes derrotados en Lugo.

O factor Ourense

Ourense caeu do lado de Caballero. A súa candidatura sumou na circunscrición 583 sufraxios e o 54,3% dos apoios, porén Formoso venceu na cidade das Burgas co 52,2% dos votos. A maiores, o sector de Caballero retrocedeu en relación ao proceso de elección de delegados para o congreso federal decorrido en setembro, cando obtivo o 59% dos sufraxios. As cifras finais deixan, tamén, unha lectura en chave ourensá, cun Rafael Rodríguez Villarino, secretario dos socialistas na circunscrición, debilitado na cidade e unha Natalia González, vicevoceira do PSdeG no concello, como figura emerxente.

Vigo maquillou o alcance da derrota de Caballero. Malia que o secretario xeral saínte conseguiu o 62,1% na circunscrición pontevedresa, estes resultados non serían posíbeis sen sumar en Vigo o 79,66% dos apoios. A estas cifras contribuíu a posición do sector de Abel Caballero, quen finalmente apostou por Gonzalo Caballero, segundo algunhas fontes, co obxectivo de facer valer o seu peso no partido de cara á conformación da nova Executiva. Aínda así, Formoso alzouse como vencedor en localidades como Vilagarcía, Lalín, Gondomar, Tui ou Cuntis, obtendo o 45% dos apoios na cidade de Pontevedra.

Valentín Formoso ten por diante un duro traballo para coser o partido após as feridas abertas polas primarias. Neste sentido, desde o seu sector adiantan que traballan para integrar todas as sensibilidades e están facendo achegamentos a persoas que votaron a Caballero. Pola súa banda, as fontes do grupo do secretario xeral saínte consultadas recoñecen que “houbo cousas que se fixeron mal” e apuntan a “unha mala xestión interna da organización desde 2017 que nos impediu sumar apoios”.

Comentarios