O BNG "a por todas" nas eleccións municipais

A formación nacionalista realizou un encontro con representantes municipais da organización este sábado en Compostela. Nel participou a portavoz do BNG, Ana Pontón, que sinalou que no PP "están nerviosos" e subliña que "teñen motivos para estalo".

Pontón participou no encontro con responsábeis municipais do BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pontón participou no encontro con responsábeis municipais do BNG (Foto: Nós Diario).

A portavoz do BNG, Ana Pontón, participou este sábado un encontro con representantes municipais da organización en Compostela. Diante de alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais da formación nacionalista defendeu que "se algo sabe o BNG" é "gañarlle a Rueda e ao PP" e comprometeuse a "continuar o refacho" nas eleccións autonómicas previstas para o ano 2024.

Na súa intervención, fixo referencia aos resultados electorais na cidade de Pontevedra, onde o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores encadea 23 anos á fronte do consistorio municipal e onde o próximo presidente da Xunta é o líder provincial, Pontón asegurou que a experiencia de Alfonso Rueda co BNG é "o sabor amargo da derrota cada catro anos".

Neste sentido, comprometeuse a "continuar con ese refacho" dentro de dous anos nas próximas eleccións autonómicas. "Asegúrovos que no PP están nerviosos e teñen motivos para estalo", sinalou.

Cambio de ciclo na Galiza

Pontón explicou que nestes momentos estamos diante "un cambio de ciclo na Galiza" que, asegura, "non comezou onte" -referíndose á dimisión esta sexta feira de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta -, senón nas pasadas eleccións galegas, cando "a cidadanía decidiu colocar ao BNG como segunda forza política".

Da mesma maneira, a líder nacionalista reivindicou que a Galiza "ten fame de cambio" e de deixar atrás "o desastre destes anos de goberno do Partido Popular". Un cambio que, engadiu, "só pode liderar o BNG", que aspira a facelo "desde a humildade, mais con ambición" asegurando que queren "ir a por todas a disputarlle a hexemonía ao PP para darlle un futuro mellor a este país".

“O PP representa o pasado”

Nesta mesma liña, concretou que un dos obxectivos da organización é "converter a simpatía que hai polo BNG en moitos ámbitos" en "máis apoio electoral, máis militantes e máis incorporacións ás candidaturas".

Así mesmo, afirmou que "o PP representa o pasado e o BNG o futuro". Por iso, reivindicou a necesidade de "reforzar o BNG" en todos os concellos e saír das próximas eleccións municipais con "máis alcaldías, máis concelleiras e máis gobernos municipais". "Hai moito en xogo e non podemos perder unha oportunidade histórica para darlle unha volta a este país", reafirmou.

A líder nacionalista insistiu en que o próximo Goberno galego vai empezar a construírse nas próximas eleccións municipais e para iso pediu "toda a enerxía colectiva" para desenvolver "a mellor versión de Galicia" e dos concellos.

Así, afirmou que comeza "un tempo novo", "unha conta atrás" que "anticipa a despedida da vella maneira de facer política que xa levou a Feixoo a Madrid" e que deixa "un actor secundario" no posto.

Un BNG "sen teito”

Por outra banda, Pontón lamentou que desde as últimas eleccións "hai quen difunde a teoría de que o BNG ten un teito", pero defendeu que, "cada vez que se fai unha enquisa" o que se reflicte é "que quen chegou ao seu teito é o PP". "O BNG non ten límites", reivindicou.

Ademais, puntualizou que "o BNG segue subindo, mentres que o PP baixa". Así, volveu a insistir en que deben "facer chegar esa enerxía" aos concellos co obxectivo de presentar nas próximas eleccións "as mellores candidaturas municipais da historia do BNG".

A portavoz do BNG mostrou o seu "orgullo" pola política municipal do Bloque Nacionalista Galego que asegurou "mostra o país" que queren construír. "Unha política ambiciosa de maiorías e para as maiorías; unha política transformadora, con orgullo e confianza do noso para poder desenvolver todo o potencial que temos en Galicia", subliñou.

Neste sentido, incidiu en que o BNG "sabe gobernar" e "sabe gañar" e indicou que queren "saír a gañar" concello a concello para "transformar o territorio" e "mellorar a vida" das veciñas e dos veciños.

Así, Ana Pontón instou aos representantes municipais do Bloque para "dialogar, expandir, ampliar e confiar" porque defendeu que é o momento de "ampliar con plena confianza na sociedade galega" e preparar o proceso das próximas eleccións municipais con "xenerosidade, intelixencia e ideas claras".

Comentarios