Socialistas e nacionalistas confían en gañar a Baltar a Deputación de Ourense

As eleccións municipais de maio de 2023 porán a proba o liderado de Alfonso Rueda

As eleccións locais de maio de 2023 están marcadas no calendario das formacións políticas galegas. O PP, o BNG e mais o PSdeG traballan xa en definir a súa alternativa programática e concretar as súas candidaturas. Á importancia do proceso das municipais, súmase o seu carácter de primarias das estatais de 2023 e das galegas de 2024.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios. (Foto: Europa Press)
photo_camera O liderado de Rueda debe confirmarse nos procesos electorais. (Foto: Europa Press)

O relevo de Alberto Núñez Feixoo paralizou no Partido Popular as tarefas de preparación das eleccións municipais. Se o XVII Congreso dos populares galegos -realizado en xullo de 2021- marcou como obxectivo chave os comicios locais, constituíndo un Comité Municipal dirixido polo ex alcalde de Ferrol e deputado, José Manuel Rey Varela, ese traballo atópase actualmente en punto morto.

Porén, o PP galego tense marcado como reto mellorar os resultados de 2019 e gañar posicións nas cidades.

As dificultades do PP

Os populares son conscientes das dificultades que enfrontan. Neste sentido, as súas sondaxes internas non lle outorgan posibilidades de acadar a Alcaldía en ningunha das sete cidades galegas e segue perdendo ante socialistas e nacionalistas o Goberno das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Ao tempo, teñen por diante decidir as súas principais cabezas de cartel, comezando polos seus candidatos en localidades como A Coruña, Ferrol, Compostela ou Ourense.

Os socialistas amósanse convencidos de manter os actuais Gobernos e aspiran en apartar, co apoio do BNG, a José Manuel Baltar da Deputación de Ourense. Nesta liña, non contan introducir cambios nas cabezas de lista das cidades onde desfrutan da Alcaldía nin na Presidencia das Deputacións onde gobernan. Pola contra, agárdase un novo candidato na cidade de Ourense e estúdanse diferentes nomes para substituír Baltar. As fontes do partido consultadas por Nós Diario queren ser prudentes pero recoñecen que "desta vez van a por todas".

As expectativas do BNG

Os nacionalistas non agochan a importancia que lle dan a este proceso. A este respecto, amósanse convencidos dun importante incremento electoral, aumentando de xeito significativo o número de candidaturas e electos e conseguindo novas alcaldías.

O BNG agarda manter a práctica totalidade dos rexedores actuais, sumar novos concellos onde está na oposición e mesmo dar a volta á correlación de forzas en localidades onde fai parte do Goberno, como Lugo.Nese sentido, desde a dirección da formación sinalan a Nós Diario o recoñecemento da cidadanía á súa xestión naquelas localidades onde están no Executivo.

A gran sorpresa das dúas últimas eleccións locais teñen por diante a súa proba máis decisiva. As denominadas candidaturas de unidade popular saben que non están no mellor momento mais agardan manterse como decisivas na Coruña e Compostela.A falla de confirmar se Unidas Podemos e Esquerda Unida presentarán unha candidatura diferente á de Compostela Aberta na capital da Galiza e á de Marea Atlántica na Coruña, socialistas e nacionalistas aspiran a erosionar a base electoral destas formacións.

Máis que unhas eleccións locais

As eleccións municipais de 2023 significan a apertura dun novo ciclo electoral cuxas paradas máis importantes son as eleccións estatais dese ano e as galegas de 2024, onde un PP sen Feixoo ten diante de si a dura proba de manter o Goberno.

As direccións dos populares, socialistas e nacionalistas traballan nesa hipótese e non dubidan en presentalas como unha sorte de primarias. Nesta liña todos coinciden en que van ser fundamentais para testar os novos liderados do Partido Popular no  ámbito nacional e estatal.

Malia que non se poden extrapolar mecanicamente os resultados duns comicios a outros, ao operar dinámicas políticas diferentes, os dirixentes das principais organizacións galegas consideran que o contexto económico xeral  vai ter o seu reflexo no resultado das municipais.

Comentarios