Pontón insta Sánchez a "non minimizar" a presunta espionaxe con 'Pegasus', que considera "un ataque á democracia"

A portavoz nacional do BNG insiste en que se deben "asumir responsabilidades políticas" ante un feito "gravísimo e intolerábel".
Ana Pontón, na rolda de prensa desta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, na rolda de prensa desta segunda feira. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou esta segunda feira de feitos "gravísimos" a suposta espionaxe a líderes independentistas co programa Pegasus, ao tempo que reclamou ao Goberno de Pedro Sánchez que "non os minimice nin mire para outro lado".

"É un ataque ao corazón da democracia, non se pode mirar para outro lado", apuntou, nunha rolda de prensa na que tamén falou dunha "vulneración de dereitos".

Por iso, pediu "chegar até o fondo", cunha investigación independente e unha comisión de investigación no Congreso, como xa solicitou o BNG a través do seu deputado Néstor Rego.

"Non se pode permitir que se espíe outros cidadáns", advertiu Pontón, quen insistiu en que se teñen que "asumir responsabilidades políticas" ante un "feito gravísimo e intolerábel". "Para todos nós é unha ameaza", concluíu.

Estas declaracións chegan logo de que na pasada sexta feira o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurase que o seu Ministerio "non comprou" o software Pegasus, que supostamente se utilizou por parte do Executivo estatal para espiar máis de 60 dirixentes independentistas. Dixo, aliás, que tampouco mantiveron nunca negociacións coa empresa responsábel deste programa informático.

Na mesma liña apuntara días atrás a ministra de Defensa, Margarita Robles, que na cuarta feira reivindicou o traballo do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e garantiu que todas as súas actuacións serán sempre "sometidas á lexislación vixente", ao tempo que afeou que se fagan acusacións "sen probas".

Segundo un informe de Citizen Lab, catro presidentes da Generalitat, entre eles o actual, Pere Aragonès, foron espiados con Pegasus. Os outros son Quim Torra, Artur Mas e Carles Puigdemont.

Comentarios