Pontón cre que Feixoo atrasa a súa dimisión para "cadrar o sudoku das baronías" do PP

A líder do BNG urxe a saída do presidente da Xunta e precisa que o seu sucesor "non vai ser o resultado da elección dos galegos". 
A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa en Compostela (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, atrasa a súa dimisión á fronte do Goberno galego para "cadrar o sudoku interno das baronías" dun Partido Popular da Galiza no que "as augas están moi revoltas".

"É unha situación que non é sustentábel e unha falta de respecto aos galegos", aseverou Pontón en declaracións aos medios esta quinta feira en Santiago, onde incidiu na necesidade de que o novo líder nacional do PP abandone xa a Xunta porque "a Galiza merece un goberno ao 100%, non un interino".

Goberno "en pausa"

Na liña dos últimos días, Pontón volveu urxir o presidente da Xunta a dimitir para activar o proceso sucesorio e sacar da "pausa" na que, di, está sumido o Goberno galego "polas leas internas e a corrupción" do Partido Popular.

"O PP non pode estar por encima da Galiza", remarcou a portavoz nacionalista, que ve "as augas moi revoltas" nas filas dos populares galegos após o paso de Feixoo á política estatal. "O país non pode estar paralizado porque Feixoo queira deixar todo atado e ben atado para cadrar o sudoku das baronías internas do PP", apostilou.

Nesta liña, lamentou que a Galiza teña un goberno "en pausa" nun momento de crise no que "cada vez máis" familias e empresas teñen problemas para subsistir; polo que demanda a Núñez Feixoo que "desbloquee" a súa sucesión.

Remuda

Sobre a substitución á fronte do Executivo autonónico, Pontón reafirmouse na postura que expresou no último 'careo' con Feixoo na sesión de control da pasada terza. "O próximo presidente non vai ser o resultado da elección dos galegos", subliñou.

"É evidente que Feixoo se comprometeu cos galegos a estar toda a lexislatura. O próximo presidente non será o que votaron os galegos", incidiu a líder nacionalista, que se preguntou se o nome do substituto sairá do "dedazo" de Feixoo ou será froito do "sudoku das baronías" do PP galego.

Baltar insiste no congreso

Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, volveu insistir en que un congreso extraordinario do Partido Popular da Galiza debe ser unha "solución normal" para a sucesión do presidente da Xunta.

"Eu xa me pronunciei mesmo antes do Congreso de Sevilla, un congreso extraordinario debe ser unha solución normal, como se fixo a nivel nacional e, nesa andaina, o PP dará a mellor das respostas", sinalou.

Baltar afirmou que, despois do congreso de Sevilla, no que a "unanimidade foi total", a formación está "en disposición de afrontar a fase segunda". Como presidente do PP en Ourense, o que ten que dicir é que "o PP vai facer ben as cousas e de forma absolutamente modélica". "Imos dar unha lección de unidade e esa é a lección e a característica que os veciños ven mellor en calquera formación política", subliñou.

Comentarios