4.000 núcleos de poboación atópanse abandonados na Galiza

Pontón propón “rescatar o rural” do abandono do PP

O Bloque Nacionalista Galego desenvolveu na mañá deste sábado unha xornada de traballo para perfilar as súas alternativas sobre o rural. O encontro contou coa presenza de diversos especialistas e cadros da formación con traballo neste ámbito. A voceira nacional organización, Ana Pontón abriu a reunión.

 

Ana Pontón canda parte dos participantes nas xornadas sobre o rural organizadas polo BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón canda parte dos participantes nas xornadas sobre o rural organizadas polo BNG. (Foto:Nós Diario)

Ana Pontón marcou como prioridade dunha acción de Goberno nacionalista "rescatar o rural” do abandono no que o deixan as políticas do PP. Neste sentido, defendeu que “todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo que garante a soberanía alimentaria, crea riqueza, é sustentábel no ambiental e ofrece servizos de calidade”

“Ese é o rural que defende o BNG, porque temos clarísimo que é parte estratéxica e imprescindíbel para unha Galiza con futuro”, asegurou Pontón, quen afirmou que “temos que rescatar o rural da morte lenta que significan as políticas do PP”

A dirixente nacionalista preguntouse “se alguén se imaxina unha Galiza de futuro sen o 90% do seu territorio”, tras indicar que “a Galiza rural está conformada por 263 concellos e ocupa 90% do territorio”. Nesa dirección, reclamou que “temos que rescatar o rural do abandono, da improdutividade e da despoboación, temos que rescatar o rural da morte lenta que significan as políticas do PP.

A superficie agraria

Pontón esixiu aumentar en 100.000 hectáreas en dez anos a superficie agraria útil da Galiza. A este respecto, lamentou que a superficie agraria destinada a produtos de consumo humano é de 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é  25,5%.

A líder do BNG demandou impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía, “superando a reducionista visión do monocultivo de eucalipto” e lembrou que “Galiza ten 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos”.

"Estamos falando de superficie agraria destinada a produción de cereais, hortalizas, froitas, legumes, oleaxinosas ou aceite, malia a que temos unhas condicións extraordinarias para os cultivos agrarios. Pero nos últimos anos, baixou a produción de trigo, de millo, de pataca, de tomate, de pemento, de uva para o viño. Hai que darlle a volta a esta tendencia e apostar pola produción", argumentou Pontón.

O sector láceo

Un dos eixos de actuación do BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido.

"O cambio climático, a pandemia, a crise de prezos avisan da importancia de ter un rural vivo porque significa soberanía alimentaria, rendas dignas, biodiversidade e loita contra os lumes, significa frear o abandono, aproveitamento multifuncional do monte,  significa emprego, servizos e infraestruturas de calidade", sintetizou a voceira nacionalista.

Pontón amosouse convencida das fortalezas do rural galego. “Galiza  ten un rural cun potencial inmenso, pero necesita un Goberno que poña en valor toda esa riqueza, un Goberno que traballe a favor do rural”, rematou a voceira do BNG, quen lembrou o PP “deixa 102.000 habitantes perdidos en 10 anos, a maior parte no rural, e case 4.000 núcleos abandonados”

Comentarios