O BNG "traballará para mellorar" os "insuficientes" e "militaristas" orzamentos estatais

Néstor Rego participou esta cuarta feira no debate ás emendas a totalidade dos orzamentos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou esta cuarta feira o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentados polo Goberno español para 2023, e emprazou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, a “dialogar para melloralos”.

Nunha comparecencia ante os medios, Rego sinalou a necesidade de aumentar o investimento na Galiza para “atender as necesidades das galegas e galegos”. O nacionalista fixo fincapé nas infraestruturas ferroviarias e servizos, ao tempo que demandou estabelecer “verdadeiras políticas sociais” para solucionar “os graves problemas que atravesan as clases populares”.

Neste sentido, o deputado do BNG advertiu que, de non producirse “mudanzas importantes” nas contas estatais, a formación nacionalista non apoiará os orzamentos na votación final no Congreso.

Esta cuarta feira tivo lugar o debate das emendas á totalidade. O BNG, que non presentou ningunha, anunciou o seu voto en contra ás presentadas por outros partidos políticos para “dar marxe ao diálogo e á negociación”, en palabras do propio Néstor Rego.

Contas “insuficientes” e “militaristas”

Na súa comparecencia, o deputado do BNG no Congreso volveu cualificar os orzamentos estatais como “insuficientes e decepcionantes, máis aló do resaibo militarista que non compartimos”. “O investimento na Galiza estáncase en relación con 2022 e xa partíamos de orzamentos moi baixos en anos anteriores” lembrou Néstor Rego.

O dirixente nacionalista lamentou que, mentres o investimento nos orzamentos sobe en Andalucía 2.3%, Cataluña (3.5%), Madrid, (13,4%); Navarra, (34.73%), na Galiza fica en 0.2%.

Tamén criticou que os orzamentos previstos para a Galiza en anos anteriores, “non foron executados na súa totalidade. En 2021 ficaron sen gastar 1 de cada 3 euros e en 2022 será peor”.

Rego sinalou que, no proxecto presentado para 2023, non figuran actuacións importantes para a Galiza que, ademais, están incluídas no acordo de investidura. “Son, por tanto, compromisos do Goberno español coa Galiza que vostedes están a incumprir un ano si e outro tamén” reprochou o deputado na tribuna.

Comentarios