PSOE e Unidas Podemos fechan de madrugada un acordo sobre os orzamentos estatais de 2023

O Goberno español deberá negociar a aprobación das contas no Congreso.
Pedro Sánchez e Yolanda Díaz no Congreso (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Yolanda Díaz no Congreso (Foto: Europa Press)

As dúas formacións que integran actualmente o Goberno español -PSOE e Unidas Podemos- alcanzaron na madrugada desta terza feira un acordo sobre o proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de cara ao vindeiro ano, horas antes da reunión do Consello de Ministras e Ministros.

Segundo informou a Secretaría de Estado de Comunicación, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, formalizarán o acordo nunha xuntanza.

A continuación, o proxecto orzamentario será levado ao encontro do Executivo estatal para a súa aprobación.

Este pacto chega tras unhas negociacións de última hora entre os dous socios do Goberno de coalición, despois de que na noite da segunda feira Yolanda Díaz advertise que seguían existindo diferenzas profundas entre PSOE e Unidas Podemos para pechar o acordo, sobre todo en tema de vivenda.

Aprobación no Congreso

Unha vez o Consello de Ministras e Ministros aprobe a proposta de orzamentos estatais deberá negociar coas formacións que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez para poder superar o trámite da ratificación dos OXE no Congreso. Partidos como ERC, PNV, Más País, EH Bildu e o BNG antóllanse fundamentais para sacar adiante as contas.

Neste sentido, o deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, trasladou nos últimos días que a formación nacionalista non apoiará os orzamentos estatais se estes inclúen un aumento do gasto militar até 2% do PIB, o que suporía unha redución de “recursos en política social, investimentos ou xeración de emprego”.

Rego lembrou que no acordo entre o BNG e o PSOE para apoiar a investidura de Pedro Sánchez, incluíanse varios compromisos coa Galiza que “non se están a facer” e que “non serán posíbeis” se o Goberno español incrementa o gasto militar, tal e como demanda a OTAN.

Entre os compromisos que a formación nacionalista conseguiu dos socialistas, enuméranse a transferencia da AP-9, a implantación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña e a mellora das infraestruturas ferroviarias do país.

Comentarios