Oito meses despois descoñécese o grao de execución dos 10,5 millóns para o audiovisual en linguas propias

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de dar a coñecer unha batería de preguntas rexistradas para que o Goberno español dea a coñecer o grao de execución do fondo de 10,5 millóns para a promoción audiovisual nas linguas diferentes do español inserido nos Orzamentos para 2022.

A compañía audiovisual incorporará diferentes títulos en galego ao longo do ano (Foto: Diego Cervo). #netflix #audiovisual
photo_camera O BNG busca promover a promoción do cinema galego (Foto: Diego Cervo).

Desta maneira, Rego require información sobre os criterios de repartición do fondo entre os distintos territorios e administracións, a data para a transferencia a través da sinatura de convenios cos organismos competentes e se existe a posibilidade de ampliar a partida para un mellor financiamento da industria.

A través dunha nota de prensa, o deputado nacionalista lembra que a emenda presentada polo BNG, EH Bildu e ERC durante a tramitación dos Orzamentos do Estado para 2022 conseguiu ser aprobada tras unha transaccional que creaba un fondo de 10,5 millóns a transferir mediante convenios aos organismos competentes dos distintos territorios con lingua propia.

Esta partida, acrecenta o BNG, tiña como obxectivo promover a produción, distribución e promoción da industria cinematográfica e audiovisual en galego, catalán e euskera.

“Pasados máis de oito meses desde a entrada en vigor destes orzamentos e, entrados no mes de setembro, descoñécese se se executou esa partida e mesmo os criterios para a repartición do fondo entre os distintos territorios que poderían participar del”, expón Rego.

"Queremos coñecer o estado actual da tramitación da transferencia de crédito aos organismos das diferentes administracións con lingua propia e competencias en materia de promoción audiovisual, así como dos criterios de repartición que desde o Goberno se están aplicando para adxudicar os fondos" afirma o deputado do BNG.

"Descoñecemos, a día de hoxe, se se tivo contacto con estes organismos e mesmo se se asinaron os convenios –tal e como recollía a emenda- con todas as entidades dos diferentes territorios que poden participar deste fondo" subliña Rego.

Alén do máis, ao ser varios os territorios que poden optar a este fondo para o financiamento da industria cinematográfica e audiovisual en galego, catalán ou euskera, a fronte nacionalista procura coñecer os criterios de repartición do fondo e mesmo, se callar, "a posibilidade de ampliar esta partida para un mellor e máis adecuado financiamento".

Comentarios