Orzamentos Xerais do Estado

O investimento do Estado na Galiza fica en 1.077 millóns de euros para o ano 2023

A proposta de Orzamentos Xerais do Estado de 2023 deixa un investimento na Galiza de 1.077 millóns de euros. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana volve ser o máis investidor pero esquece actuacións chave en materia ferroviaria. A conexión por tren entre Vigo e Portugal queda relegada ao recibir menos de 30.000 euros.
A proposta de orzamentos do Estado esquece as grandes actuacións en infraestruturas ferroviarias. (Foto: Europa Press)
photo_camera A proposta de orzamentos do Estado esquece as grandes actuacións en infraestruturas ferroviarias. (Foto: Europa Press)

A proposta de contas públicas do Goberno español para 2023, presentada esta quinta feira pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, recolle un investimento para o conxunto do Estado de 368.088 millóns de euros, destinando a Galiza 1.077 millóns de euros. Malia que o orzamento medra no total estatal en 11,3%, a suba no país fica en 0,21%, superando só en tres millóns de euros a contía asignada no pasado orzamento. Porén, a alza interanual da inflación en 9%, obrigaría a un incremento no investimento no país nesa contía co fin de non desvalorizar en 8,79% as achegas públicas estatais en relación co exercicio pasado.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é un dos departamentos que máis invisten na Galiza, cunha achega próxima a 227 millóns de euros. Neste sentido, reciben un importante impulso as obras da A-54 entre Arzúa e Melide, con 30,4 millóns de euros e entre Melide e Palas de Rei, cunha contía próxima a 24 millóns de euros, se ben adía o seu remate a anualidade de 2024. Na mesma, liña destaca a partida de 13,7 millóns de euros para o tramo de Vilaboa á Ermida, da circunvalación de Pontevedra, así como de 20,67 para a execución da estrada de conexión do Barco de Valdeorras coa N-120 e a N-563.

Os orzamentos do Estado reservan 56,36 millóns de euros para subvencionar as peaxes nos traxectos da Autoestrada do Atlántico. Así, o Goberno estatal mantén a compensación a Audasa pola gratuidade dos movementos internos nos tramos Vigo-O Morrazo e A Coruña-A Barcala e as bonificacións de recorrencia no uso da autoestrada, até cubrir 100% da peaxe no percorrido de volta sempre que se produza nas 24 horas seguintes. A este respecto, a transferencia á Galiza desa estrada de pago continúa pendente, unha vez que esa posibilidade foi emendada no trámite parlamentario.

As infraestruturas ferroviarias atópanse entre as grandes esquecidas deste orzamento. Neste sentido, a articulación ferroviaria interna da Galiza recibe contías insignificantes, sinalándose entre estas a dotación de 185.000 euros para o ferrocarril de vía estreita entre Ferrol e Ribadeo, 28.000 euros para a circunvalación de Betanzos no tramo da Coruña a Ferrol e 6.700 euros para a conexión do porto da Coruña.

Na mesma dirección, non se contempla ningunha partida para pór en marcha un servizo de proximidades nalgunha das áreas metropolitanas ou comarcas galegas. A única excepción neste deseño, son 25,8 millóns de euros dedicados á mellora das liñas entre Monforte e Lugo.

Conexión con Portugal

Á conexión ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa apenas se destinan 29.900 euros, dentro dunha partida plurianual de 1,67 millóns de euros dirixidos a elaborar un estudo informativo que conecte a cidade olívica coa alta velocidade procedente de Portugal, cuxo remate prevé o Goberno luso para 2029. Neste sentido, o Executivo de Pedro Sánchez deixou caducar un estudo elaborado no seu momento polo Gabinete de Mariano Raxoi, que cifraba o importe do total das obras de conexión nos seus tramos galegos en 200 millóns de euros.

Miteco

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é o segundo máis investidor na Galiza con 50,33 millóns de euros. Neste caso, a practica totalidade das actuacións consignadas derívanse de compromisos orzamentarios de exercicios pasados, como o saneamento da ría do Burgo na Coruña. Porén, non se recollen propostas para favorecer a transición enerxética, malia contar Galiza con poboacións como As Pontes ou Meirama, en Cerceda, onde se teñen acometido nos últimos tempos importantes procesos de reconversión industrial.

Nesta dirección, destaca que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo só achega fondos para promover a internacionalización empresarial e non para o impulso a novas iniciativas industriais.

O BNG, decepcionado coas contas de 2023

O BNG valora o orzamento como “decepcionante, porque non cumpre coa Galiza" e di que vai traballar para melloralo. O seu deputado Néstor Rego lembra que “os presupostos na Galiza medran moito menos que noutras comunidades como Madrid, onde crecen 13%, duplicando neste territorio o investimento ao orzado en 2021, sendo previsíbel unha alza semellante en 2022”.

Pola súa parte, Antón Gómez Reino (Galicia en Común), amosou a súa "satisfacción" coas contas.

Comentarios