Orzamentos Xerais do Estado

O Goberno español aumenta 20,9% o investimento no Estado e 0,3% na Galiza

As contas públicas de 2023 incrementan o investimento no Estado en 20,9%, situándoo en 25.910 millóns de euros. A alza rexistrada no conxunto estatal é superior á proposta na Galiza, onde os orzamentos aumentan 0,3% en relación coa anterior anualidade, ficando en 1.077 millóns.
Os orzamentos non comprometen ningún investimento nos estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os orzamentos non comprometen ningún investimento nos estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Europa Press)

Os orzamentos de 2023 destinan a investimento no conxunto do Estado 25.910 millóns de euros. 13.444 millóns fan parte do investimento territorializado, aquel dirixido a unha comunidade en concreto. 11.663 millóns inclúense dentro do investimento non territorializado, cuxos fondos van ser executados en diferentes provincias. E 805 millóns dedícanse a financiar actuacións no conxunto estatal.

Neste caso, as partidas de investimento desta anualidade orzamentaria superan en 4.486 euros as do exercicio de 2022, situadas en 21.424, sendo o incremento destes capítulos en relación ao anterior orzamento de 20,9%.

Investimentos

A Galiza recibe para investimentos a cargo das contas públicas de 2023 a cantidade de 1.077 millóns, isto é 0,3% máis que en 2022. Precisamente, nesa anualidade o Goberno do Estado recollía nos seus orzamentos 1.074 millóns de euros para o país, unha cifra que supera a deste ano en termos reais ao ter en consideración a alza da inflación arredor de 9%.

A este respecto, o economista Xosé Díaz, autor dun estudo sobre o proxecto de presupostos de 2023 ao que tivo acceso Nós Diario, sinala que “a conclusión é clara: mentres na media estatal o investimento increméntase en 20,9%, na Galiza só sobe 0,3%, o que quere dicir que hai territorios onde as achegas públicas rexistran alzas de moito máis de 30%".

O Sector Público Empresarial (SPE) volve liderar o investimento na Galiza para 2023. Segundo se recolle na proposta de orzamentos presentada polo Goberno, de 1.077 millóns destinados ao país, 296 millóns achégaos a Administración Xeral do Estado, 0,30 millóns o Sector Público Administrativo (SPA) e 768 millóns o Sector Público Empresarial (SPE). Concretamente, o SPE incorpora o conxunto das empresas públicas, como son a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Portos do Estado, o xestor aeroportuario Enaire ou o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif).

Investimentos recollidos nos orzamentos do Estado de 2022 e 2023 así como comparativa de variación de partidas entre unha e outra anualidade orzamentaria elaborada polo economista Xosé Díaz.
Investimentos recollidos nos orzamentos do Estado de 2022 e 2023 así como comparativa de variación de partidas entre unha e outra anualidade orzamentaria elaborada polo economista Xosé Díaz, en millóns de euros.

Sector público

O nivel de investimento do SPE é moi superior na Galiza á media estatal, onde teñen máis peso as partidas da Administración Xeral do Estado. Así, mentres no país o SPE representa nas contas de 2023 71%, na media estatal significa 43%, situándose esta porcentaxe na liña dos últimos exercicios. Ademais, o nivel de execución orzamentaria das entidades dependentes do Sector Público Empresarial é moi inferior á da Administración Xeral do Estado, como indica Xosé Díaz.

Nesta dirección, o economista indica que “a causa da baixa execución orzamentaria no país -O Estado deixou sen investir na Galiza 2.823 millóns orzados entre 2015 e 2021- está ligada a ese menor peso da Administración Xeral do Estado nas contas, e tamén, "a que os créditos iniciais están sempre moi inchados”.

Navantia

O importante incremento do gasto militar nos orzamentos de 2023 non garante ningún investimento na Galiza, malia contar cos estaleiros de Navantia na comarca de Ferrolterra. A este respecto, Díaz sinala que “os presupostos da Secretaría de Estado de Defensa recollen, dentro dos programas especiais de modernización, diversas partidas referidas ás fragatas F-100, cuxa construción nos estaleiros galegos teñen prometido en diversas ocasións os responsábeis do Estado”.

As razóns desta omisión, atópanse, segundo Díaz, en que tal como “refire o orzamento non se imputan ás provincias os proxectos cuxo ámbito territorial abrangue a máis dunha”.

"Isto significa que tanto a modernización das fragatas F-100, coas novas F-110, non van ser realizadas unicamente no estaleiro de Navantia en Ferrol senón que tal modernización e nova construción, no mellor dos casos, realizarase entre os estaleiros de Ferrol e Puerto Real (Cádiz) así como na oficina central técnica e de xestión en Madrid”, aclara Díaz, que apunta que “cousa diferente é coñecer a combinatoria concreta prevista para isto pola dirección de Navantia, que seguramente debería preocupar aos sindicatos de Ferrol, logo de tantas promesas”.

Débeda pública

Os orzamentos para 2023 asumen un incremento na débeda pública até 193.616 millóns de euros. Neste sentido, o Goberno debe facer fronte nesa anualidade a uns gastos de 97.557 millóns de euros en concepto de xuros e amortizacións. O endebedamento público do Estado sitúase en 2022 en 115% do PIB, tras medrar en 81.973 millóns.

Comentarios