O BNG reclama 35 novas competencias para a Galiza após "14 anos de parálise do PP"

O PP analizará a proposta do BNG, aínda que advirte que non comparte cos nacionalistas "baleirar" o Estado de "toda" competencia.

Ana Pontón e Luís Bará, esta segunda feira comparecendo ante a prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Luís Bará, esta segunda feira comparecendo ante a prensa. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) iniciará no Parlamento e no Congreso unha ofensiva política para reclamar 35 novas competencias para a Galiza após "14 anos de parálise do Partido Popular" sen lograr ningún novo traspaso. Así o anunciou esta segunda feira a portavoz dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, quen compareceu en rolda de prensa na Cámara galega xunto ao deputado do BNG Luís Bará.

Na súa intervención, a dirixente nacionalista explicou que esta axenda en defensa do autogoberno ten dous obxectivos prioritarios: dispor de “máis medios para facer fronte á crise, e “impulsar o desenvolvemento económico”.

Pontón sostivo que, fronte a "falta de propostas do PP", que fixo que a Galiza "fose perdendo posicións", o BNG toma a iniciativa. "Non podemos seguir co manual de instrucións vello que nos trouxo até aquí", asegurou.

Tras afirmar que a "inacción" do PP leva a unha "irrelevancia política" que fai que o país "fique atrás", considerou necesario un "novo rumbo". "E para conseguilo hai que dotarse de todas as ferramentas políticas e orzamentarias que permitan facer fronte a estes retos e dar a Galiza esperanza e expectativas de futuro", dixo.

"Defendemos un novo estatus político de nación para a Galiza, que nos permita ter institucións máis fortes", defendeu Pontón, que avogou por un novo modelo que dea ás galegas e aos galegos a "chave" do seu diñeiro.

Para lograr esta ampliación de competencias, o BNG defendeu "dúas vías". "A primeira é cumprir o Estatuto", dixo Pontón, que asegurou que "é o mínimo que se pode esixir 40 anos despois da súa aprobación". Tras iso, citou as 35 novas competencias que neste momento son de ámbito estatal pero que segundo a Constitución "pódense traspasar ás Comunidades".

Sete bloques competenciais

Pontón dividiu estas 35 competencias en sete bloques distintos. En primeiro lugar citou a ordenación do territorio e as infraestruturas, un apartado no que incluíu o traspaso de vías como a AP-9 e AP-53, dos aeroportos, os portos de interese xeral, o servizo de Salvamento Marítimo, a ordenación do litoral e a competencia de tráfico.

En materia laboral e sanitaria reclamou a Inspección de Traballo, a Seguridade Social, a formación ocupacional, os servizos sanitarios e a asistencia a traballadores do mar, así como que a Galiza teña a capacidade de decidir cantos MIR precisa formar cada ano.

No ámbito educativo Pontón reclamou competencias plenas para que o país poida definir a totalidade do seu sistema educativo, as bolsas e a transferencia á Galiza de todos os centros de investigación que teñen a súa sede no país.

En canto aos sectores produtivos, reivindicou a inspección pesqueira, os seguros agrarios e os paradores. Ademais, solicitou que a Galiza sexa quen autorice todos os proxectos de produción de enerxía que se sitúen en territorio galego, redes básicas de gas, así como a supervisión e control de refinarías e almacén de hidrocarburos.

No aspecto institucional, Pontón propuxo que a Galiza teña presenza nas entidades de carácter estratéxico que afectan á vida dos galegos e das galegas e ao desenvolvemento económico como o Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores, Portos do Estado, Aena, así como empresas públicas como Astano. Neste punto tamén pediu a transferencia das institucións e espazos que pertencen ao ministerio de Defensa, como a Illa de Tambo, así como as competencias en institucións penais.

Por último, en materia de lingua, cultura e patrimonio citou competencias relacionadas como o fomento da industria cinematográfica e a transferencia de arquivos, bens e fondos históricos esparexidos polas distintas institucións.

"Trátase dunha proposta ambiciosa, coa que ter máis ferramentas para xerar máis benestar e máis desenvolvemento económico para o noso país", destacou Pontón, que detallou que a súa formación desenvolverá esta axenda en iniciativas que se debaterán tanto no Parlamento da Galiza como no Congreso español.

Ana Pontón finalizou a súa intervención censurando que o Partido Popular, nos seus 14 anos de Goberno, non conseguise ningún traspaso competencial. "É todo un símbolo dun Goberno que está a deixar atrás a Galiza e que é incapaz de defender os intereses dos galegos e das galegas", apuntou.

“España é un dos Estados máis descentralizados"

Sobre este asunto foi cuestionado, na habitual rolda de prensa dos luns, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, quen asegurou que os populares analizarán a listaxe de transferencias que pide o BNG. En todo caso, matizou que o PP non comparte co Bloque "baleirar" o Estado de "toda" competencia, senón só incorporar aquelas que melloren a xestión dos servizos públicos na Comunidade.

De feito, subliñou que non é a primeira vez que os nacionalistas propoñen cuestións "perigosas ou prexudiciais" para a Galiza –exemplificou o concerto económico—que "non están xustificadas ou motivadas" máis aló dos seus "parámetros ideolóxicos". E engadiu que un dos traspasos pendentes máis relevantes, o da AP-9, foi "pactado" polo Bloque co Goberno do Estado a principios de mandato, pero aínda non se materializou.

Máis aló, Puy advertiu que, dentro o marco constitucional e estatutario, o desenvolvemento autonómico é, a día de hoxe, "moi alto", polo que resulta "lóxico" que a marxe de cesión de novas competencias sexa "cada vez menor". E engadiu que España “atópase á cabeza na clasificación de Estados máis descentralizados”.

Comentarios