O BNG buscará a unanimidade do Parlamento galego para o traspaso da AP-9 e tres xulgados de violencia de xénero

Ana Pontón pide ao PP que apoie estas propostas desde a Galiza e "non poña impedimentos nin paus nas rodas" en Madrid.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou este sábado que presentarán dúas proposicións non de lei no Parlamento galego para "reactivar o traspaso de competencias" e , en concreto, demandarán o traspaso da AP-9 a Galiza e a creación de tres xulgados de violencia de xénero ( Lugo, Santiago de Compostela e Ourense), compromisos que esta semana a delegación do Bloque instou a cumprir ao PSOE nunha xuntanza en Madrid para valorar o acordo de investidura de Pedro Sánchez.

En declaracións aos medios durante un paseo pola festa da Ascensión en Santiago, Pontón sinalou que con estas iniciativas pretenden "dar un impulso desde a unanimidade" para que se "reactive o traspaso de competencias" e "que haxa unha axenda ambiciosa por parte do Goberno" da Xunta.

"Este é un Goberno que ten unha marca moi triste: cero competencias en 13 anos. Por iso, desde o BNG queremos dar un impulso para mellorar a capacidade da Galiza de poder decidir sobre os asuntos que nos atinxen"

"Este é un Goberno que ten unha marca moi triste: cero competencias en 13 anos. Por iso, desde o BNG queremos dar un impulso para mellorar a capacidade da Galiza de poder decidir sobre os asuntos que nos atinxen", expresou. Sobre a reactivación da transferencia da AP-9, Pontón pediu ao PP que a apoie desde a Galiza, pero que "non poña impedimentos nin paus nas rodas" desde Madrid porque, recoñeceu, "esta tramitación está a ser moi tortuosa" e é "unha cuestión fundamental para o futuro".

No caso da proposición non de lei acerca da creación de tres xulgados de violencia de xénero, a líder nacionalista afirmou que "unha mellor resposta xudicial é clave para dar unha resposta neste ámbito ás mulleres que sofren violencia de xénero". Neste sentido, argumentou que hai un déficit de xulgados en Galicia e considerou que este é "un paso moi importante" porque "a axenda do BNG é tamén unha axenda feminista".

Ademais, Ana Pontón resaltou a importancia que ao seu xuízo tivo a reunión da pasada cuarta feira en Madrid entre membros do BNG e do PSOE no Congreso porque permitiu "reactivar o traspaso de competencias despois de 13 anos".

Comentarios