Estatuto de 1936: Para rematar coa vergoña do centralismo

Foi unha loita de anos, cuxo final se escribiu en sangue. Unha grande vitoria popular referendada por preto dun millón de votos, que non deu tempo a desfrutala por culpa da barbarie fascista. O 28 de xuño de 1936 arrancou unha nota etapa na historia da Galiza.  

Cartaces elaborados por Díaz Baliño, Castelao e Seoane para a campaña de propaganda do estatuto de 1936. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cartaces elaborados por Díaz Baliño, Castelao e Seoane para a campaña de propaganda do estatuto de 1936. (Foto: Nós Diario).

O golpe de Estado de xullo de 1936 impediu a entrada en vigor do texto estatutario aprobado polo corpo electoral galego o 28 de xuño de 1936. Ao tempo, o fascismo desatou unha dura persecución contra algúns dos principais protagonistas daquela vitoria, asasinando a promotores esenciais, como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal, enviando ao exilio a outros deles, como o propio Daniel Castelao ou condenando á morte civil ao secretario da comisión pro estatuto, o xurista compostelán, Enrique Raxoi Leloup.

Cartaz elaborado por Castelao para a campaña de propaganda do estatuto de 1936. (Foto: Nós Diario).
Cartaz elaborado por Castelao para a campaña de propaganda do estatuto de 1936. (Foto: Nós Diario).

Un longo camiño

A perseveranza do nacionalismo, que naceu na súa forma actual a mediados do século XIX para mudar as relacións entre Galiza e o Estado español, resultou, tamén, chave para que o estatuto de 1936 no ficase como unha anécdota histórica. Neste sentido, a proposta avalada polo pobo galego, certificada nas sesións das cortes de Monserrat ou do exilio mexicano, serviu  para sentar as bases para o recoñecemento da Galiza como nacionalidade histórica no texto constitucional de 1978.

A reivindicación estatutaria pairou sobre a política galega nos tempos finais da monarquía e nos momentos iniciais da II República española, porén non tomou vigor definitivo até a segunda metade de 1932. O 3 de xullo celebrouse en Compostela un asemblea de concellos, onde ficou conformada unha comisión redactora do texto. O documento aprobado, sometido a exposición pública e proceso de emendas das entidades locais, corporacións públicas, forzas políticas e particulares, foi referendado en decembro  de 1932, fixándose, despois dun ano de forte debate entre os promotores, o 17 de decembro de 1933 como data para a súa votación.

As novas circunstancias abertas co triunfo electoral das dereitas en 1933 e o proceso involutivo que o seguiu, adiou o seu sometemento ao corpo electoral até o 28 de xuño de 1936. Neste momento, tras unha intensa campaña que involucrou o conxunto das forzas que integraron Fronte Popular na Galiza e unha parte da dereita política, o texto estatutario foi sometido a consulta do censo, rexistrando un nivel de apoio histórico non superado en ningún outro referendo convocado en condicións de democracia formal.

Un grande trunfo popular

Os resultados electorais de 28 de xuño de 1936 foron consecuencia dun grande movemento de mobilización social. Ao pouco da súa aprobación comezaron as dúbidas sobre a limpeza do proceso e das supostas irregularidades no escrutinio, labor no que se sinalaron os dirixentes da dereita. O primeiro en denuncialo foi Calvo Sotelo, e os seus medios de comunicación co obxectivo de cuestionar a vontade de autogoberno expresado de xeito tan rotundo polo pobo galego.

A legalidade, as formalidades e a transparencia das votacións  non diferiron doutros comicios celebrados na Galiza e no Estado español durante o período republicano, cuxos resultados nunca foron postos en cuestión. Nesta dirección, os argumentos empregados para deslexitimar o referendo galego coinciden cos utilizados para criticar a consulta en Catalunya e Euskadi, cualificados tamén pola reacción como “pucheirazos”. Abonda un repaso ás imaxes que nos deixaron as xornadas, con longas colas de persoas agardando para votar, ou a intensa campaña de axitación previa para medir o apoio da sociedade a esta demanda.

As sucesivas demoras que viviu o proceso estatutario impediu institucionalizar un poder galego, con todas as limitacións do modelo territorial ,que posibilitara verificar unha política nunha chave propia, fixar unha idea de Goberno do país que se mantivese no imaxinario social galego ou facer fronte en mellores condicións ao propio golpe de Estado fascista. A comparativa coas outras dúas nacións que contaron con estruturas de autogoberno ou o propio papel dos representantes do Goberno estatal na Galiza, simbolizado na ineficacia e falta de iniciativa dos gobernadores das catro provincias, foron significativos ao respecto.

Un punto de partida

O Partido Galeguista foi o motor da reivindicación estatutaria. Só a organización política do nacionalismo mantivo unha posición inequívoca e compacta en defensa dun marco político que non enchía as súas aspiracións pero que entendía como un punto de partida no camiño da liberación de Galiza. A este obxectivo táctico condicionou toda a súa práctica  o partido de Castelao e Bóveda, sendo un factor decisivo na conformación da Fronte Popular no país, unha vez certificada a marcha atrás na cuestión nacional representada polas  políticas dos Gobernos do bienio e testada a necesidade de ensanchar a base de apoios á autonomía para superar as maiorías cualificadas fixadas no texto constitucional.

O nacionalismo nunca foi autonomista. O papel desenvolto na loita pola consecución do estatuto levou a algunha parte da historiografía a situar a autonomía como obxectivo estratéxico do Partido Galeguista. Os principais dirixentes da formación explicaron o sentido táctico da demanda, sinalando Otero Pedraio, dous días antes da celebración do referendo de 28 de xuño de 1936, que “o nacionalismo non é autonomista, porque autonomía é descentralización administrativa, é o nacionalismo aspira a volver a nación galega a soberanía roubada”.

Daniel Castelao escribiu no Sempre en Galiza que para os nacionalistas o estatuto era un punto de partida que non recollía as súas aspiracións programáticas. Ao tempo, sinalou que “o sistema de estatutos autonómicos é inadecuado e até ofensivo para os cataláns, galegos e vascos, Galiza, como Catalunya e Euskadi é unha nación”, engadindo, que “non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -incluso para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios