Pedro Puy: "A Administración central é pouco proclive a perder competencias"

Como un dos "máis activos" e "moi intenso". Así define Pedro Puy o período de sesións do Parlamento galego que vén de concluír. "Levamos nesta lexislatura 14 leis", informa, e engade o traballo realizado na comisión de reactivación. Conversamos con el sobre as cuestión chave que marcan a política galega.
Pedro Puy, portavoz parlamentario do PPdeG, na oficina do grupo no Hórreo. (Foto: Arxina)
photo_camera Pedro Puy, portavoz parlamentario do PPdeG, na oficina do grupo no Hórreo. (Foto: Arxina)

-Atopámonos de cheo na quinta onda do coronavirus. Que se fixo mal para chegar a esta situación?

O que houbo, probabelmente, foi un exceso de confianza, xa que a campaña de vacinación ía ben e a parte máis feble da poboación estaba vacina. Isto xúntase co feito de que a xente xa estaba cansa de todas as restricións, e coincidiu tamén a fin do curso escolar e universitario. Quizais se pecou de optimismo con algunhas decisións que se adoptaron pola autoridade sanitaria, como quitar a obrigatoriedade da máscara no exterior. Danse mensaxes de normalidade cando o virus segue entre nós e hai risco de contaxio, como estamos a comprobar.

-A redución das peaxes da AP-9 e a transferencia da autoestrada á Galiza foi unha cuestións que logrou máis unanimidade no Parlamento. Como explica que non entraran en vigor as rebaixas nas tarifas e que aínda non se transferira á Xunta?

A rebaixa das peaxes é máis difícil de entender, pois está incluída nos orzamentos. Só depende da capacidade do propio Estado de chegar a un acordo para facer efectivo o que xa está nas contas e baixar así as peaxes. Habería que preguntarlle ao Ministerio por que non foron capaces de cumprir as datas que deran. 

O atraso da transferencia explícase pola dinámica do propio Estado autonómico. Despois de terse producido a meirande parte dos traspasos previstos na constitución e nos estatutos, a Administración do Estado é bastante celosa das competencias que lle quedan. Os traspasos tenden a enquistarse pola propia dinámica da Administración central, que en liñas xerais é pouco proclive a perder competencias. Isto véncese con insistencia. Aprobouse, como dicías, por unanimidade e aprobouse por unanimidade unhas tres ou catro veces no Parlamento e confiamos en que poidamos conseguir o traspaso efectivo íntegro.

-Si, en varias ocasións, mais co PP no Goberno español votaron en contra da transferencia en Madrid.

Correcto, do mesmo xeito que o PSOE trata de facer, vía emenda, o que é unha corrección clara do que era o obxecto da transferencia. Insisto, isto, máis que un condicionamento político, ten a ver cunha dinámica burocrática-administrativa, con certas resistencias que xa temos visto.

-Unha das cuestións chave nos próximos meses vai ser o reparto dos fondos Next Generation. Quedará a Galiza marxinada?

As posibilidades son moitas. Cada vez que reparten fondos, como os React, de maneira bastante sistemática, Galiza está por debaixo do que lle correspondería se atendemos a un criterio previsto na propia Lei do financiamento autonómico, e mesmo pola poboación. E xa non digamos se aplicamos criterios máis redistributivos como os que aplica a UE. Hai certa preocupación por isto. Lamentamos que o proceso de debate non se fixera de maneira dialogada. Estamos á espera de ver os criterios que aplique o Goberno de España. 

-Aludía ao financiamento autonómico, unha cuestión pendente de anos atrás. Cales son para vostede as liñas vermellas?

O sistema ten que garantir a capacidade de fornecer os servizos públicos básicos cun nivel equivalente, con independencia de que as comunidades opten despois por melloralo. É un dos elementos que máis contribuíu á equidade na prestación dos servizos públicos. E non debe perderse de vista o que se chama no propio sistema de financiamento habitante homoxéneo. Cando hai un servizo que custa máis, como a sanidade cando está envellecida a poboación, debe terse en conta a pirámide, aos efectos de financiar un sistema. A partir de certas idades, o gastos dispárase polas demandas de atención sanitaria dese sector poboacional. Para nós é fundamental manter ese criterio.

-Que lectura fai do congreso do PPdeG?

Boa. O PPdeG atópase nunha boa situación despois do último proceso electoral. Primeiro houbo un debate sobre os relatorios, que xiraron ao redor da recuperación económica e social, e o segundo día, no que se elixiu a dirección, tamén foi moi tranquilo. O PPdeG ten asentado un forte liderado, ten logrado moi bos resultados electorais e ten contribuído a que o PP de toda España presente unha imaxe de unidade en relación a un proxecto que é alternativa a un Goberno do PSOE.

-Para moitos analistas e para a oposición vostede pasa por ser a cara amábel do PP, fronte a perfís como o de Tellado, que representan posicións máis extremas. Que continúe como secretario xeral significa o trunfo da liña dura?

Cada un, no posto en que está, ten que cumprir a función que lle corresponde. A do secretario xeral non é o mesmo que a dun portavoz ou que a dun membro do Goberno. O que é importante é que cadaquén cumpra a función que lle toca e, ao final, o resultado non depende da actuación de ningunha persoa en concreto, aínda que algunhas teñen máis peso, como o presidente, senón do resultado do traballo en equipo. O mesmo acontece noutras forzas políticas.

Volverá repetir Feixoo como candidato?

Un dos titulares que deixou tras de si o congreso do PPdeG foi o "Quero máis" de Feixoo. Preguntámoslle a Pedro Puy se o ve recuncar como candidato á Presidencia da Xunta e afirma que tres anos "é moito tempo en política", "mais podo confirmar que está en plena forma e plenamente centrado na xestión dunha situación imprevista pero que require todo o esforzo e traballo". Salienta que o presidente da Xunta "está decidido a pór  as bases do que pensamos que é bo para saír da crise e poder aproveitar os fondos para modernizar acelerar o proceso de cambio que se está dando na Galiza en todos os ámbitos".

Comentarios