BNG e PSdeG alcanzan un acordo en Lugo e continúan negociando en Compostela

O acordo marco alcanzado por nacionalistas e socialistas para promover Gobernos alternativos ao PP nos concellos galegos está axilizando os procesos de negociación no ámbito local, co horizonte posto nas sesións de constitución das novas corporacións fixadas para o próximo 17 de xullo.

Arrox
photo_camera Ruben Arroxo e Lara Méndez explicando aos medios as liñas do seu programa de goberno. (Foto: Arxina)

A negociación entre BNG e PSdeG presumíase doada en Lugo e así está sendo. Unha vez rematado o primeiro encontro oficial entre os responsábeis de ambas as formacións, nacionalistas e socialistas confirmaron a formalización dun acordo, que deseña unha estrutura de goberno semellante á operativa nestes catro anos. Así as cousas, os primeiros encargaranse das áreas de infraestruturas e mobilidade, cultura, educación mercados e atención cidadá. Pola súa parte, os segundos continuarán á fronte de economía, persoal, medio ambiente, urbanismo, servizos sociais, igualdade, deporte e rural.

Os equipos negociadores dos nacionalistas e dos socialistas destacaron ao remate da súa reunión de onte a coincidencia programática. A este respecto, explicaron que os seus obxectivos para este vindeiro mandato pasan por seguir avanzando na transformación física e económica da cidade, para lograr un Lugo máis cómodo, seguro e competitivo, e reforzar a estrutura interna do Concello, para que este sexa máis eficaz e redunde nun mellor servizo á cidadanía. Neste sentido, non descartan a incorporación de persoal externo para labores executivos, na liña do estabelecido na Lei de grandes cidades.

O voceiro nacionalista, Ruben Arroxo, e a súa homóloga socialista, Lara Méndez, expresaron onte a súa satisfacción polos resultados da xuntanza. Nesta liña, Arroxo asegurou que “as negociacións entre BNG e PSOE para conformar un Goberno en Lugo van polo bo camiño" e salientou a "boa harmonía para chegar a un acordo que nos permita continuar a mellorar a cidade, seguindo o mandato da veciñanza que saíu das urnas o pasado 28 de maio”.

Compostela

Por outra parte, BNG e PSdeG remataron onte as súas conversas en Compostela emprazándose para unha seguinte xuntanza a comezos da semana seguinte. Un día despois de que Compostela Aberta expresase a súa disposición a facer parte do Goberno liderado por Goretti Sanmartín, nacionalistas e socialistas avanzaron en cuestións programáticas, mais sen resolver a incógnita sobre a incorporación dos socialistas ao Executivo da capital da Galiza. Neste sentido, Sanmartín apostou “por un Goberno amplo e estábel no que participe o PSdeG ademais de Compostela Aberta” e indicou que “a próxima semana saberemos a decisión dos socialistas sobre a súa participación no Goberno” local.

Pontevedra

Nacionalistas e socialistas reuníronse onte, tamén, en Pontevedra para explorar os termos dun Executivo de coalición entre as dúas forzas políticas. O equipo negociador dos primeiros está conformado por Raimundo González, Cesar Mosqueira e Eva Vilaverde, integrando o segundo Iván Ponte, Yoya Branco e Guillermo Meixón. Neste sentido, fontes do mesmo presentaron este primeiro encontro como unha toma de contacto co obxectivo de testar a posibilidade dun acordo.

A Coruña

BNG e PSdeG citáronse na Coruña para un segundo encontro após manter unha primeira xuntanza na xornada de onte. Ao comezo da mesma, a concelleira nacionalista Avia Veira indicou que “chegamos con todo o ánimo do mundo e a mente aberta. Temos o mandato da sociedade de dialogar. É unha primeira reunión e non será a única”. Asemade, o portavoz socialista na cidade, José Manuel Laxe, expresou a “vontade de abrir un espazo de diálogo co BNG, sabendo que hai unha maioría clara de esquerdas na cidade da Coruña".

Por outra parte, a negociación entre as forzas de esquerda chegaron a bo porto en Redondela. Após as reticencias iniciais da Agrupación de Electores de Redondela (AER) a apoiar un Goberno liderado pola socialista Digna Ribas, AER e PSdeG fecharon un acordo para facilitar a súa investidura. Neste caso, o pacto asinarase ante notario e suporá unha multa económica por valor de 100.000 euros no caso de incumprirse o pactado

Urxen un Goberno amplo en Compostela

O Ateneo de Santiago sumouse ao debate sobre a gobernabilidade da cidade e reclamou das distintas forzas políticas "o máis rápido acordo para dotar a cidade dun Goberno amplo, sólido e maioritario capaz de darlle un novo impulso á nosa Compostela como capital da Galiza, aberta ao conxunto de España e con proxección europea e internacional”. Neste sentido, o Ateneo de Santiago solicitou “xenerosidade dos grupos políticos para que poñan os intereses da cidade por riba dos propios das distintas forzas”.

Comentarios