Candidato do PSdeG en Pontevedra

Iván Puentes: "Sempre quixemos ir máis alá do cemento e logramos ser pioneiros"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Iván Puentes Rivera, actual concelleiro de Desenvolvemento Sostíbel, encabeza a lista do PSdeG-PSOE en Pontevedra.
Iván Ponte, candidato do PSdeG á Alcaldía de Pontevedra (Foto: cedida).
photo_camera Iván Puentes, candidato do PSdeG á Alcaldía de Pontevedra. (Foto: Cedida)

—Que balance fai dos 24 anos que leva xa Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do Goberno de Pontevedra? Como mudou a cidade neste tempo?
Son 24 anos dun proxecto compartido entre BNG e PSOE que transformou a cidade. Pontevedra foi pioneira na peonalización e recuperación do espazo público, algo que os socialistas tivemos moi claro e practicamos durante os 12 que tivemos as competencias de urbanismo, pero nós sempre quixemos ir máis alá do cemento e por iso nos empeñamos e logramos ser pioneiros, tamén, na defensa das persoas e dos seus dereitos.

O PSdeG implantou, cando aínda case ninguén a tiña, a actual rede de comedores escolares e o Plan Madruga en tódolos centros públicos; profesionalizamos a estrutura dunha Concellaría de Benestar Social que non era tal, ou fixemos da práctica deportiva universal e a saúde unha prioridade. A min interésame tanto, ou máis, que a miña familia poida conciliar, que miña nai poida chegar soa até o centro da cidade ou que os mozos e mozas queden a traballar aquí, como un premio internacional por peonalizar o centro histórico.

Creo que a inmensa maioría de pontevedreses e pontevedresas, todos menos o candidato do PP, estamos orgullosos da cidade na que vivimos

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
O modelo de cidade destes últimos 24 anos foi un éxito e creo que a inmensa maioría de pontevedreses e pontevedresas, todos menos o candidato do PP, estamos orgullosos da cidade na que vivimos. Pero lonxe de ser un modelo perfecto, case rematado, como cre o BNG, eu creo que ten eivas importantes que, sen destruír nada do feito estes 24 anos, debemos atender para perfeccionar aínda máis ese modelo.

Son catro as necesidades básicas: a integración dos ríos e dos espazos naturais na cidade e a transición do cemento, base do actual modelo, ao verde, á loita contra o cambio climático, máis aló de sacar coches da rúa; o desenvolvemento dun modelo de mobilidade sostíbel que vaia máis aló de camiñar, baseado fundamentalmente no uso da bicicleta e no transporte colectivo, absolutamente desatendidos nestes anos; a xeración de actividade económica e de emprego coa captación de industria verde, fundamental para o futuro de calquera cidade; e a implantación dunha verdadeira cidade 8-80, é dicir, tan válida para as necesidades dos máis pequenos como dos máis maiores, e iso pasa por fortalecer moitísimo a área de Benestar Social.

ENCE ten que permanecer en Pontevedra, pero fóra da ría, seguir creando emprego aquí, pero nunha localización axeitada

—O Tribunal Supremo vén de avalar a permanencia de ENCE en Lourizán, unha cuestión que desde hai anos divide á cidade. Debe o Concello abandonar a vía xudicial e acatar a sentenza, priorizando o argumento do emprego xerado directa e indirectamente, ou ben continuar a loita nos tribunais, tendo en conta o dano ambiental que segue a causar na ría?
O PSOE sempre defendeu que ENCE tiña que permanecer en Pontevedra, pero fóra da ría, seguir creando emprego aquí, pero nunha localización axeitada. Esa segue a ser a nosa postura, fronte aos que, á marxe dos intereses dos traballadores e da cidade, só pensan nos beneficios económicos da empresa, actuando case como membros do seu consello de administración, ou os que farían unha festa se visen marchar eses postos de traballo a Portugal, a Asturias ou a outro concello galego. A sentenza do Supremo era a esperanza de que o traslado dentro de Pontevedra fose, por fin, unha realidade, pero o alto tribunal resolveu inesperadamente a favor da empresa.

Comparto que se analicen, como se están a analizar, vías legais extraordinarias, para manter viva esa esperanza, pero mentres tanto o Goberno Municipal debe lidiar coa realidade e esixirlle a ENCE que cumpra cos seus traballadores e coa cidade, creando os postos de traballo prometidos, modernizando unhas instalacións totalmente desfasadas, que son un perigo constante para os empregados e para todos os que vivimos aquí, e que, como fan todas as grandes empresas nos concellos nos que se asentan, invista unha parte substancial dos seus beneficios en Pontevedra para compensar o alto impacto que pagamos todos, moito máis que o simbólico Plan Social que ten agora.

—Que medidas adoptaría en materia de promoción do emprego?
A primeira, asumir e crer que nós, desde o Concello, podemos facer algo por isto, en lugar de mirar cara a outro lado e botarlle sempre a culpa a Madrid ou a Santiago. A partir de aí, debemos xerar máis chan industrial e iso chámase Plan Xeral de Ordenación Municipal. Tamén quero crear unha Oficina Estratéxica de Pontevedra, centrada en exclusiva no desenvolvemento de proxectos, a captación de investimento e a atracción de novas empresas, xunto co apoio para a expansión das que xa están aquí, é dicir, un departamento que se dedique a pensar a cidade e a actuar de comercial da mesma.

Buscarei acadar un grande acordo entre Concello, sindicatos e organizacións empresarias para, coa camiseta de Pontevedra posta, traballar todos xuntos por ese obxectivo; e con todo iso dotarnos no primeiro ano dun Plan Estratéxico de Cidade que nos identifique os sectores nos que podemos ser competitivos e complementarios con outras cidades galegas, centrando tódolos nosos esforzos neses ámbitos.

Temos que pensar nun servizo de microbús ou vehículo a demanda que, a prezo de transporte público, penetre no centro urbano

—Como ve a situación en canto a mobilidade urbana na cidade de Pontevedra?
Ben, no relativo á mobilidade peonil e á limitación dos vehículos a motor, pero moi deficiente no transporte colectivo, que non logra comunicar o centro da cidade co seu entorno e co rural e tamén moi deficiente en canto á promoción do uso da bicicleta, que nace espontaneamente ao eliminar os coches, pero sen ningún tipo de facilidade, nin infraestrutura propia por parte do Concello. É preciso permitir o dobre sentido para bicicletas nas rúas de sentido único e a construción, fóra da améndoa central, dunha malla de carrís bici que bordeen a cidade e nos conecten de xeito seguro co Campus Universitario, as instalacións deportivas e as estacións de bus e tren, cos núcleos do rural e cos concellos limítrofes, particularmente Poio e Marín.

As persoas maiores e aquelas con problemas de mobilidade son o outro punto débil deste modelo, xente que, ao mellor, non precisa dunha cadeira de rodas, pero que tampouco pode facer por si mesma traxectos dun ou dous quilómetros, nin pagar un taxi cada día. Temos que pensar nun servizo de microbús ou vehículo a demanda que, a prezo de transporte público, penetre no centro urbano, como xa o fan centos de camións e vehículos cada día para dar servizo ao comercio, sen que por iso se rompa o modelo de cidade peonil. Avogamos, tamén, pola inclusión do ferrocarril a Vilagarcía e a Vigo dentro do Plan de Transporte Metropolitano da Galiza, creando un servizo de Cercanías entre as tres cidades, que abarataría o custe do billete, sería combinado co do autobús e aumentaría as frecuencias. 

—Cales son as súas propostas relativas aos servizos sociais?
Duplicar orzamento e persoal. Benestar Social foi, con diferencia, a área máis desatendida polo BNG nos últimos anos. Neste mandato, no que os socialistas recuperamos a xestión desta concellería, fixemos grandes esforzos por ir paliando a situación e logramos, por exemplo, incorporar de xeito temporal unha nova traballadora social ou duplicar o número de horas de atención no Servizo de Axuda no Fogar, pero non é suficiente.

Salvando as diferenzas de poboación, non pode ser que A Coruña teña máis de 90 traballadoras sociais e equipos de atención completos en cada barrio e Pontevedra teña escasamente 7 e sen especialización concreta en ningún barrio ou parroquia; temos unha estrutura de política social propia dun pobo mediano, non dunha capital de provincia.

A gran materia pendente do modelo de cidade é o verde e nós xa estamos sentando as bases para solucionar esa eiva

—O impulso de infraestruturas ‘verdes’ en núcleos urbanos está na axenda de moitos gobernos de cidades. No caso de Pontevedra, opta a 3,3 millóns de euros de fondos europeos para impulsar este tipo de infraestruturas. Que opina en termos de infraestruturas no Concello de Pontevedra e acerca da necesidade de impulsar políticas ‘verdes’. 
Pontevedra, a Concellaría de Desenvolvemento Sostíbel e Medio Natural, leva conseguidos neste mandato case 33 millóns de euros de fondos europeos para infraestrutura verde; 7,5 xa concedidos e en execución neste momento, para proxectos tan importantes como a recuperación da Xunqueira de Alba ou o destape e renaturalización do río do Gafos e 25 recentemente comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para a recuperación e reverdecemento de toda a ribeira do Lérez no centro urbano, cos terreos e espazos naturais asociados. A gran materia pendente do modelo de cidade é o verde e nós xa estamos sentando as bases para solucionar esa eiva, tanto que somos a única cidade de España incluída na rede Greening Cities da UE, fundamentalmente polo Plan de Infraestrutura Verde que se está a impulsar desde esta concellería, pioneiro en Europa.

Ademais, toda esa infraestrutura verde que estamos a planificar e a desenvolver facémola sempre cun triplo obxectivo de rendibilidade: primeiro como un investimento que, en forma de fondos europeos, vén para a cidade, para crear emprego e oportunidades para as empresas e os traballadores de aquí mentres se fan as obras; segundo, unha vez rematadas, dotarémonos dun equipamento novo que mellora a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, pero tamén, en terceiro lugar, observando sempre a perspectiva económica, é dicir, que eses novos equipamentos sexan ademais un recurso de atracción de visitantes á cidade, dun turismo verde, sostíbel e de calidade, que grazas a esta nova infraestrutura verde xere máis emprego e máis actividade económica nun sector que é e ten que ser un dos grandes motores da economía pontevedresa. 

Comentarios