AER ábrese a negociar un goberno para Redondela con Ribas á fronte

Segundo o líder da agrupación, "só quedaban dúas opcións", ou que o popular Javier Bas fose o alcalde por "pasividade" de AER, ou que Ribas sexa alcaldesa de novo ao recuar AER no seu posicionamento.

Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) ábrese agora a negociar un goberno para esta localidade con Digna Ribas (PSdeG) á fronte, a pesar de que durante a campaña electoral insistiron en que non apoiarían nin un Goberno do PP, nin outro liderado pola actual alcaldesa en funcións.

Despois de que nas urnas os 'populares' ficasen con 10 concelleiros, a un da maioría absoluta, sería necesario un pacto entre os outros tres partidos para que Javier Bas non sexa investido alcalde o próximo 17 de xuño.

Neste contexto, o portavoz de AER, José Carlos Orxe, recoñeceu que após as eleccións municipais do pasado 28 de maio fecháronse varias opcións. A pesar de que a súa organización pretendía negociar co PSdeG un Goberno con outra persoa á fronte que non fose Ribas, os socialistas negáronse.

Orxe indicou tamén que o BNG descartouse para liderar o Goberno local, xa que os nacionalistas obtiveron 3 concelleiros; o PSdeG, 7, e AER, 1.

Segundo o líder de AER, "só quedaban dúas opcións", ou que Bas fose o alcalde por "pasividade" de AER, ou que Ribas sexa alcaldesa de novo por "actividade" de AER. Por iso, decidíronse, en principio, por esta última opción, polo que emprazaron o PSdeG a que lles traslade unha oferta "irresistible" para que os voten na investidura.

"Queremos algo bo para a veciñanza de Redondela. A pelota está no seu tellado", subliñou Orxe, asegurando "non ter moita fe" na proposta que lles trasladarán os socialistas. "Se queren o noso voto a Digna Ribas teñen que ofrecer unha oferta contundente", engadiu, subliñando que non buscan "clientelismo", senón "o mellor" para a localidade.

Será esta quinta feira cando volvan reunirse co PSdeG para que lles presente a súa oferta. Antes, na noite desta cuarta feira, terán un encontro co PP, para trasladarlle tamén a súa actual posición. "Somos capaces de entendernos con calquera", engadiu.

Comentarios