O BNG arranca o curso político no Parlamento coa "maquinaria engraxada" para dar o cambio na Galiza

O grupo parlamentar comprométese a facer propostas "ambiciosas e transformadoras" nun novo período de sesións marcado polas eleccións galegas
Primeira xuntanza do grupo parlamentar do BNG para dar inicio ao curso político. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Primeira xuntanza do grupo parlamentar do BNG para dar inicio ao curso político. (Foto: Nós Diario).

As deputadas e deputados do BNG mantiveron esta terza feira no Parlamento galego a primeira reunión do novo curso político con toda a "máquina engraxada" para dar resposta a un período de sesións marcado pola proximidade dos comicios autonómicos, unha "oportunidade histórica" que a forza nacionalista afronta co convencemento de liderar o cambio de rumbo que precisa a Galiza.

"O Bloque quere facer historia coa primeira presidenta da historia de Galiza, liderando un proxecto transformador no país. Para conseguilo, o grupo parlamentar ten xa a maquinaria engraxada", declarou o viceportavoz Luís Bará, quen anticipou un "intenso traballo" das deputadas e dos deputados do BNG para facer posíbel o cambio.

Axenda do cambio

Na súa primeira xuntanza, presidida pola portavoz, Ana Pontón, o grupo parlamentar avanzou a presentación de propostas "ambiciosas e transformadoras" para impulsar o autogoberno, a transformación tecnolóxica, o desenvolvemento industrial, o fortalecemento dos sectores produtivos ou a mellora dos servizos públicos esenciais, precisaron.

Piares, precisou a formación nun comunicado, dunha "axenda de cambio" na que xa están a traballar e que pasa tamén polas melloras na financiación da Galiza, un modelo fiscal máis xusto, un novo modelo enerxético ou medidas para a loita contra o cambio climático.

Primeiras iniciativas

Segundo explicou Bará, o Bloque vai presentar no inicio do curso político iniciativas centradas en combater a grave situación económica, sanitaria, social e ambiental.

Entre outras, defenderá propostas para axudar as familias galegas a afrontar o gastos do inicio do curso escolar "fronte á parálise e desidia que demostra nesta materia o Goberno do PP,  absolutamente insensible ás dificultades que atravesan os galegos e as galegas", afirmou Bará.

Outro dos fitos do novo período de sesións, asegurou, será o Debate do Estado da Nación, no que o Bloque exporá a súa alternativa de goberno e para un novo modelo de desenvolvemento do  país "fronte ao declive e o desastre das políticas do PP nos últimos anos". 

Comentarios