O BNG lamenta a "oportunidade perdida" que pode ser a nova Lei de memoria democrática

Os nacionalistas destacan algúns "avances" do novo texto legal, mais considéranos insuficientes.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou que, se non se introducen cambios na Lei de memoria democrática que se votará no pleno do vindeiro 14 de xullo, será "unha oportunidade perdida", a pesar dos "avances" que se recollen nela, para "realmente acabar coa impunidade do franquismo e facer xustiza coas vítimas".

Após a comisión desta segunda feira na que a lei pasou o primeiro trámite para ser aprobada, Rego lamentou que os partidos de goberno "non aceptasen as emendas do BNG" para a derrogación dos artigos 2.e e 2.f da Lei de Amnistía, a restitución dos bens espoliados ou a declaración do Pazo de Meirás como "lugar de memoria".

Entre as cuestións que a formación nacionalista observa como "positivas", destaca que se declare a "ilegalidade" do franquismo e, por tanto, dos consellos de guerra, tribunais e xuízos, así como a nulidade das súas sentenzas; a definición de vítima do franquismo e a creación dun censo de persoas represaliadas.

O BNG tamén subliña que se elabore un mapa de fosas e que o Estado español se faga responsábel da procura de persoas desaparecidas e das exhumacións, xunto coa creación dun banco de ADN e a previsión do estudo obrigatorio da memoria histórica no ámbito educativo, xunto coa incorporación das mulleres á memoria.

Voto en contra de PSOE, PP e Vox

Por outra parte, Rego explicou que no mes de marzo foi debatida no pleno do Congreso unha proposición non de lei para modificar o código penal co obxectivo de "garantir sen ningún xénero de dúbidas o acceso á tutela xudicial efectiva e asegurar o cumprimento do principio de legalidade internacional que permita investigar os delitos de xenocidio e os crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista".

"O PSOE votou en contra, xunto con Vox e o PP, deixando claro que non teñen interese en que isto se produza", lamentou Rego, para quen é unha "cuestión básica, que vai determinar realmente se a lei está ou non á altura das expectativas xeradas para facer efectivos os principios de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición".

En canto á declaración do Pazo de Meirás como "lugar de memoria", o BNG considera este rexeitamento de PSOE e Unidas Podemos "absolutamente inexplicábel, porque é indiscutíbel a potencia simbólica do pazo e da loita cívica pola súa recuperación".

Comentarios