Soberanistas emendan a Lei de memoria para que se xulgue aos represores do franquismo

Formacións soberanistas presentaron unha serie de emendas conxuntas á Lei de memoria democrática que se está a tramitar no Congreso. Entre as emendas, destacan as que piden a supresión do título de Rei de España, a restitución das vítimas, que se poida xulgar os responsábeis de xenocidio ou as que reclaman recoñecer a persecución cultural e lingüística, 
 
As e os deputados soberanistas Néstor Rego, Bel Porzueta, Mireia Vehí, Gabriel Rufián, Josep Pagès e Genis Boadella (Foto: Nós Diario)
photo_camera As e os deputados soberanistas Néstor Rego, Bel Porzueta, Mireia Vehí, Gabriel Rufián, Josep Pagès e Genis Boadella (Foto: Nós Diario)

BNG, ERC, Bildu, Junts, PDeCat e CUP rexistraron seis emendas á Lei de memoria democrática, que substituirá e ampliará a Lei de memoria histórica de 2007. Avogan pola supresión do título de Rei e de todos os privilexios e prerrogativas persoais e familiares que del se deriven. Xustifican a emenda citando a propia Lei de memoria, recalcando que esta expón a revisión ou directamente a retirada de recoñecementos e distincións "que comporten exaltación ou enaltecemento da sublevación militar, a guerra ou a ditadura ou que fosen concedidas con motivo de formar parte do aparato de represión da ditadura".

Lembran que a Xefatura do Estado foi institucionalizada por Franco e que Juan Carlos I exaltou o golpe de Estado e a ditadura ao xurar lealdade a Franco e aos principios do réxime ao ser nomeado príncipe e sucesor na Xefatura do Estado en 1969.

Persecución lingüística

Outra das emendas propón incluír unha disposición na nova lei para que se recoñeza, estude e divulgue "a política de persecución e represión contra as linguas e culturas galega, aragonesa, asturiana, catalá, occitana e vasca perpetrada polo franquismo". 

Restitución de Meirás, Cornide e outros bens

Estas formacións son partidarias de que se estabelezan mecanismos na lei para a devolución aos seus lexítimos donos de ateneos, asociacións culturais e outras entidades espoliadas.

Mais alén das emendas conxuntas, fontes do BNG consultadas por este xornal confirman que están a traballar en máis propostas, entre elas as que demandarán reparación económica e moral, pondo como exemplo a restitución de todo o patrimonio incautado, en referencia a bens como o Pazo de Meirás en Sada ou a Casa Cornide na Coruña. 

No Bloque amósanse críticos coa “centralización das políticas públicas de memoria histórica” e coa “exaltación da transición desde unha visión franquista da historia”. Defenden declarar nula e ilegal a ditadura e toda a súa lexislación represiva. En consecuencia, proporán considerar nulas e ilegais todas as resolucións do réxime e declarar a ilexitimidade dos órganos penais e administrativos constituídos polo franquismo para impor sancións ou condenas. Isto implicaría, por tanto, a nulidade das resolucións dos tribunais franquistas.

Aliás, unha das emendas conxuntas reclama engadir un novo parágrafo no Código Penal co obxectivo de que se poida xulgar os responsábeis de "xenocidio, crimes de lesa humanidade, delitos de guerra ou outras graves violacións dos Dereitos Humanos" durante o golpe ou o franquismo.

O PSOE féchase a cuestionar a monarquía

O portavoz do PSOE, Felipe Sicilia, rexeitou as emendas presentadas polas formacións soberanistas contra a existencia da figura do rei porque aparece na Constitución. Neste sentido, precisou que o PSOE "apoia o acordo constitucional" e por tanto, nin o rei nin a monarquía están sometidas a debate no seo do partido.

Comentarios